O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade defende as peonalizacións que nas últimas semanas teñen provocado malestar entre algúns negocios e comerciantes da rúa Telmo Bernárdez. Confía plenamente en que o peche da circulación entre a praza da Constitución e Os Eidos favoreza a convivencia no casco vello. A medida entrará en vigor previsiblemente dentro dun mes “cando se coloquen as cámaras para controlar que os vehículos que circulen por esta vía sexan tan só os dos residentes” e anuncia a humanización da zona que se abrirá ao Alvedosa dende a rúa Muíño.
“Entendemos a inseguridade que poida sentir algún comerciante pero tamén estamos convencidos de que esta medida vai ser beneficiosa. É unha tendencia en todos os concellos recuperar os espazos públicos que se perderon por un excesivo uso do coche e son medidas que a medio e longo prazo son positivas, tal e como se ten comprobado naquelas vilas e cidades nas que xa se aplicaron actuacións semellantes”.
Así o explica Roberto Villar quen lembra tamén que a peonalización no Casco vello virá acompañada doutras medidas co obxecto de facer máis atractivo pasear por esta zona “haberá cambios na Praza da Constitución e en Telmo Bernárdez pero o máis salientable é que se abrirá a rúa Muíño ao río Alvedosa”.
Con todo, o peche da circulación aínda terá que esperar aló menos un mes xa que non se realizará ata que non estean colocadas as cámaras que permitirán controlar que vehículos usan esa vía “tan só poderán circular os residentes na rúa, o resto do tráfico que se dirixa cara Os Eidos ou cara Reboreda e Pazos terá que desviarse pola praza de Ribadavia (praza da Farola)”. En canto as prazas de estacionamento lembra que só se perderá seis aparcamentos en toda a zona.
Por outra banda, adiantaba esa futura peonalización do Paseo da Xunqueira que suporá que se peche o tráfico na vía que comunica os xulgados co concello, unha medida que durante as tardes do pasado verán xa se aplicara de xeito puntual e que, unha vez aprobado o proxecto que está en estudo, pasará a ser unha peonalización definitiva.
Aparcamento baixo o viaduto
respecto do proxecto de crear unha zona verde baixo o viaduto (na zona coñecida como o aparcamento de Froiz) insiste en que esa actuación é a máis longo prazo e “sempre supeditada a que se creen novas zonas de estacionamento”.