Hoxe é Xoves 27 de Marzo de 2025

Xornadas sobre diversidade funcional no Instituto de Chapela

IES-Chapela.-Redondela

O departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade do IES de Chapela acolle esta semana, ata o vindeiro mércores día 26, unhas xornadas formativas sobre diversidade funcional e infancia no que participan expertos de diferentes áreas así como profesionais que traballan neste ámbito. Estas xornadas teñen como finalidade sensibilizar sobre as dificultades que afrontan os nenos e nenas con diversidade funcional no seu desenvolvemento, así como as súas familias, e dar a coñecer as intervencións que realizan os diferentes profesionais.

As xornadas, que contan coa participación de entidades destacadas como a Asociación Andaina, Amencer – Aspace, a Asociación Autismo Bata, APAMP e a ONCE, ademais de profesionais do ámbito educativo e social especializados en atención temperá e na intervención con menores con discapacidade arrancaron este luns coa charla Neurociencia e Infancia a cargo de Paula Rivas Ramírez, unha mesa redonda sobre o tecido asociativo da diversidade funcional e unha sesión de comunicación natural asistida titulada “Unha cuestión de xustiza social”, a cargo de Carla Díaz Salazar-Iglesias.

Durante este martes haberá tamén diferentes actividades como unha mesa redonda sobre experiencias educativas e diversidade funcional, un obradoiro simultáneo con tres temáticas: “A atención temperá nos Servizos Comunitarios: unha mirada en proximidade”, a cargo de Beatriz Díaz García-Muñoz; “Lingua de signos”, impartido por Arancha Casas Avendano; e “Musicoterapia e diversidade na infancia”, dirixido por Alicia Rodríguez Otero.

A programación chegará ao seu remate este mércores 26 con Miguel Lois Mosquera quen falará sobre “Neurodiversidade e resposta educativa” e un obradoiro simultáneo con tres sesións: “Masaxe infantil”, impartido por Iría Otero González; “Atención educativa ao alumnado con Necesidades Educativas Especiais”, a cargo de Dagmar Gabriela Nedelecu; e “O CAI APAMP: unha abordaxe global dentro das contornas naturais”, dirixido por Alejandra Morán Tenreiro. A xornada rematará de 16:30 a 18:00 cunha visita ao CRE da ONCE en Pontevedra.

A iniciativa busca fomentar o intercambio de coñecementos e experiencias, destacar boas prácticas e contribuír á construción dunha sociedade máis inclusiva.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: