Xente Titiriteira celebra o Día Mundial do Teatro, que se conmemora este xoves 27 de marzo, adiantando parte da programación da que será a XXVI edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela e que se celebrará do 12 ao 18 de Maio. Entre os espectáculos xa confirmados atopamos compañías chegadas dende Chile, Brasil, Italia, Cataluña ou Galicia, que estará representada polas compañías Cachirulo Títeres, Danthea Teatro ou a redondelá Tanxarina.
O Festival de Títeres quece motores dando a coñecer parte da que será a súa programación deste ano que volverá encher as rúas e prazas de Redondela de marionetas de fíos, monicreques tradicionais, vangardas creativas, espectáculos itinerantes ou instalacións nunha semana de festa que volverá ser unha celebración e na que se dará cita un público interxeracional. Neste sentido lembran dende a organización que “os nenos e nenas que asistiron ás primeiras edicións levan agoras as súas crianzas neste ciclo vital que transcorre nun cuarto de século”.
Unha celebración que ten xa confirmadas a presenza en sala de compañías tan prestixiosas como Girogavo e Rondella de Italia co seu espectáculo “Quadri” ou unha coprodución do Centro Dramático Nacional e Teatro Gamusinos, que nos achegarán a obra “Árido”, nunha busca de novas linguaxes escénicas.
Ademais dende Chile chegará a Redondela a compañía Teatro y su Doble co seu impactante espectáculo visual “Feos”, obra baseada nun texto de Mario Benedetti.
En canto a rúa adiantan a presenza de ”Cavalls de Menorca” da compañia catalana Tutatis ou a compañía Mamulengo Presepada do Brasil co seu espectáculo ”Vida de mamulengo”, compañía do mestre titiriteiro Chico Simões.
Unha programación onde non faltará a representación galega a cargo das compañías Tanxarina Títeres, Cachirulo Títeres ou Danthea Teatro.
Colaboradores locais “A Forza dun pobo”
Dende Xente Titiriteira agradecen unha vez máis a colaboración do tecido comercial de Redondela na produción do Festival “actualmente son máis de 100 colaboradores que conforman o cartaz chamado A Forza dun Pobo, colaboradores dos máis variados sectores produtivos do pobo, dende hostalaría ate froitarías, dentistas e veterinarios ate tendas de roupa”. O Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo “é o reflexo do esforzo colectivo dun pobo por difundir e gozar do Teatro de Títeres”. Un esforzo que se suma ao apoio institucional que chega dende as diferentes administración: Concello de Redondela, Deputación de Pontevedra, Agadic e Inaem.