O anuncio do goberno local chega logo de que pais e nais dos xogadores convocaran para o vindeiro 4 de abril unha protesta que ía ter lugar diante do Concello para reclamar o arranxo do campo no que adestra o CD Cesantes. A actuación, que correrá a cargo da construtora que realizou a obra ao estaren os traballos aínda en período de garantía, iniciarase o vindeiro luns e consistirá na reforma do céspede e dos sistemas de rego e iluminación.
O campo de fútbol de Tuimil, no Viso, presenta unha serie de deficiencias como avarías no sistema de rego e tapetes despegados, o que supón un problema para os equipos que adestran nestas instalacións. O Concello de Redondela reclamou á construtora que acometa as reparacións e Zona de Obra SL, a contratista, comprometeuse a emendar as deficiencias, repasar todas as xuntas do céspede que actualmente se atopan despegadas ou en mal estado e unir correctamente os tapetes. Tamén se reforzarán as ancoraxes da varanda perimetral nos puntos onde é inestable. A empresa tamén se comprometeu a revisar e reparar o sistema de rego, que presenta un mal funcionamento, e o sistema de iluminación. Actualmente algúns dos focos están avariados, polo que serán substituídos.
Zona de Obra SL realizará os arranxos a partir do luns da próxima semana, xa que para garantir unha correcta reparación é necesario que non se rexistren precipitacións nos días previos e posteriores aos traballos.
Este non é o primeiro requirimento que se lle realiza á empresa. Desde o Concello lembran que en 2023 xa se lle demandou a reparación do céspede polo mal estado do tapete, e a empresa fixo os arranxos no verán dese ano.
A alcaldesa, Digna Rivas, afirma que o Concello estivo “desde o primeiro momento facendo todas as xestións necesarias para que empresa adxudicataria acometera as reparacións”. Rivas adianta que o seu goberno esixirá que o campo quede “en perfectas condicións”. O concelleiro de Deportes, Iván Valles, xa lle trasladou aos responsables do CD Cesantes, club que emprega as instalacións municipais da Gándara, todas as xestións que se están a realizar desde o Concello para resolver as deficiencias que presenta o campo.
Apuntna tamén dende o goberno local que “o proxecto do campo da Gándara, realizado en 2017 polo anterior goberno do PP, presenta eivas e no se axusta ás necesidades do terreo e das condicións meteorolóxicas da zona”. Segundo os técnicos, o material máis axeitado para este tipo de terreo, pola súa climatoloxía, sería unha base de asfalto e non sobre xabre que é como se fixo “o que está a provocar problemas de drenaxe baixo o céspede”.