Fotos de Pablo González
O Pavillón Municipal da Marisma de Redondela converteuse no epicentro da patinaxe artística coa celebración do Campionato Provincial de Pontevedra na modalidade de libre a pasada fin de semana, clasificatorio para o Campionato Galego. O Club de Patinaxe Artística de Arealonga, anfitrión do evento, brillou cunha actuación estelar, logrando que os seus tres representantes subisen ao podio e asegurasen a súa praza para o autonómico de xuño.
Cadete Feminino, Noa Silva brillou con luz propia ao conquistar a medalla de ouro, reafirmando o seu excepcional nivel cunha actuación que deixou a todos abraiados. Pola súa banda, no Xuvenil Feminino, Daniela Puga subiu ao podio co bronce, ofrecendo unha exhibición cargada de forza e elegancia que captou todas as miradas. E no Cadete Masculino, Pablo Mendoza non se quedou atrás, asegurando tamén o bronce grazas á súa constancia e entrega.
Desde o club expresaron o seu orgullo polo traballo diario dos seus patinadores. A xornada, que se prolongou de 9:00 a 21:15 horas, non só foi un éxito deportivo, senón tamén un exemplo de unión e solidariedade. A comunidade respondeu ao chamamento do club para apoiar as súas patinadoras e ademais recadaron fondos para os equipos de grupos show pequeno e cuarteto junior, que en maio competirán nos Campionatos de España en Reus e Alcoy.
O evento contou co apoio do Concello de Redondela, que achegou detalles para os participantes, e coa presenza do concelleiro de deportes, Iván Valles, así como da Deputación de Pontevedra, representada na entrega de medallas. Tamén se agradeceu o traballo de Pablo González polas súas fotos e a súa axuda co equipo, capturando os mellores momentos desta xornada.




