Os votos a favor de populares e nacionalistas permitiron sacar adiante unha moción presentada polo PP na que reclamaban que a información achegada a través do portal de transparencia do concello sexa máis accesible e sinxela, así como que se implemente un sistema que permita á cidadanía acceder a información que a administración debe ter ao seu alcance. Dende o BNG criticaron, entre outras cuestións, “que non se publique a axenda da alcaldesa malia que así estaba pactado no acordo de goberno”.
Aseguraba o popular David Muíños que a falta de transparencia do concello “é un motivo de queixa constante por parte dos grupos políticos pero, sobre todo, por parte dos veciños e veciñas”. Lamentaba que non se está a cumprir a Lei de transparencia que inclúe a participación cidadá e a publicación de información relevante que non aparece no portal de transparencia de Redondela. Aseguran entre outras cuestión que este portal está desactualizado, sen contido relevante nin mecanismos eficaces para recibir e atender suxestións ou queixas da cidadanía así como que non se establecen procesos de consulta pública efectivos que permitan a participación rela da veciñanza na toda de decisión municipais. Por todo isto reclaman a actualización e dinamización do portal de participación, a mellora do acceso á información pública e a publicación de resolucións e decisións municipais.
O edil de AER, Roberto Villar, malia recoñecer que “hai moito que mellorar” insistía en que as demandas recollidas na moción do PP ou ben xa se están a cumprir ou son moi difíciles de levar a cabo “xa que se pide que se publique documentación que contén datos protexidos”. Aseguraba que no que respecta ao seu departamento sempre se facilita a información cando así o demanda a cidadanía e non supón un incumprimento da lei de protección de datos.
A edil nacionalista, Jessica García apuntaban que, malia discrepar en moitas cuestións co PP, “neste caso si hai moitas cousas nas que si estamos de acordo, porque este goberno non é nin moi transparente nin moi participativo”. Como exemplo falaban da axenda da Alcaldesa “non se está a cumprir o acordo de goberno asinado co BNG xa que se establecía que esta axenda sería pública”. Tamén criticaba o departamento de participación cidadá e, especificamente, o funcionamento dos Consellos Parroquiais.
Para o edil responsable de Transparencia e novas tecnoloxías, Antonio Cabaleiro “a moción do PP carece de fundamento” e aludiu a páxina web do concello “ a través da cal están a facerse consultas entre a cidadanía como a que serviu para elixir un lema para o 8M”. Adiantou tamén que un dos proxectos que se queren levar a cabo será favorecer que a cidadanía faga propostas ao goberno.
Pechaba o debate Muiños asegurando que o concello de Redondela so cumpre co 30% dos indicadores de transparencia municipal “non hai un só área no que este concello cumpra o 100% de transparencia” e lamentaba que “logo de ser o sétimo concello en transparencia nos anos nos que gobernou Javier Bas actualmente está situado no posto 327”.
Unha vez máis quedou patente a minoría do grupo de goberno que perdeu a votación ante a suma de votos de PP e BNG.