Acto por Palestina no IES Pedro Floriani
Redondela conmemora o día da Terra Palestina cunha marcha e diferentes actos que se van desenvolver estes sábado día 29 de marzo. A xornada arrancará cunha xuntanza de colectivos e activistas na Casa da Cultura ás 11:00 horas. Xa pola tarde organízase unha Marcha pola terra palestina que partirá da Farola ás 18:00 horas e concluirá coa plantación dunha oliveira diante do Multiusos da Xunqueira. Este acto, estará amenizado pola música de Berto Covelo e Antón Ke. Un conmemoración que chega logo de que este xoves tiveran lugar tamén actos reivindicativos contra o xenocidio en Palestina en diversos centros educativos.
Toda a xornada do sábado, xunto coa concentración do día 24 (luns de protesta semanal), están enmarcadas na semana contra o apartheid israelí (SCAI). que neste ano comezou o 21 de marzo, día internacional da eliminación da discriminación racial, e continuará ata o domingo 30 de marzo, día da Terra Palestina.
A SCAI 2025 coincide co 20 aniversario do Movemento de Boicot, Desinvestimentos e Sancións (BDS): dúas décadas de firme resistencia popular, solidariedade interseccional e loita contra a complicidade internacional co réxime de opresión de Israel. O lema da SCAI “O poder do pobo fai que o apartheid pase á historia. RESISTE. LEVÁNTATE. DESCOLONIZA” convida a todas as persoas a mobilizarse masivamente e participar nos actos de apoio ao pobo palestino.