A nova responsable do partido, que substitúe ao ex candidato Juan Batista, promete seguir fortalecendo o partido e agradece o apoio incondicional da militancia. O concelleiro Manuel Arzúa asume as responsabilidades de secretarios xeral nunha xutna local conformada por preto dunha vintena de militantes.
O PP de Fornelos de Montes vén de elixir á voceira municipal, Antía Rodríguez, como nova presidenta da agrupación local no 4º Congreso Local, co obxectivo de liderar o cambio nun Concello que aseguran está “completamente paralizado desde hai tempo”.
Antía Rodríguez, que vai contar co concelleiro Manuel Arzúa como secretario xeral, estivo arroupada nesta cónclave congresual polo presidente provincial do PP, Luis López; a secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; e numerosos alcaldes e voceiros do PP nos concellos do interior da provincia.
A xa nova mandataria substitúe deste modo ao fronte do partido ao ex candidato Juan Batista, e tamén debullou as súas liñas mestras para o futuro do proxecto do PP de Fornelos de Montes, tanto a nivel orgánico como institucional. Así, deixou claro que todo o traballo se vai orientar a seguir atendendo aos veciños e, por outra banda, a preparar as eleccións de dentro de dous anos, no que reclamou a implicación intensa da militancia, “xa que todos somos imprescindibles para alcanzar o goberno local por primeira vez na historia”.
Pola súa banda, o presidente provincial, Luis López, louvou a “exemplariedade” da transición e do proceso congresual realizado en Fornelos de Montes e, tras agradecer o traballo de Juan Batista, valorou moi positivamente a unidade e gañas do PP fornelense.