A carreira infantil de ostra, enmarcada dentro da programación da festa gastronómica que se celebra a próxima fin de semana, contou coa participación de 500 nenos e nenas nunha cita inclusiva e solidaria coa presenza da Asociación Anedia (Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia). O evento deportivos celebrouse na contorna do paseo do peirao de Arcade.
O obxectivo principal desta cita é a celebración da Festa da ostra a través dunha proba deportiva valorando sobre todo a compoñente social e participativa, representada con premios a todas e todos os participantes que recibiron como recoñecemento o seu esforzo, nunha medalla e unha mochila coa súa merenda, unha botella, unha libreta e un chaveiro de Galicia sabe Amar.
Esta é a segunda edición na que se realiza unha carreira inclusiva, que responde á oportunidade de participación conxunta de persoas con e sen discapacidade, adaptándose ás posibilidades de cada quen. Tamén é o segundo ano que se fai unha carreira adaptada, cun percorrido inclusivo para persoas con diversidade funcional ou con necesidades especiais.
O carácter solidario da carreira quedou patente co espazo que se lle deu a Asociación Anedia (Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia) que contou cun stand onde se proporcionou información sobre esta enfermidade e as vías de colaboración con esta entidade.
Unha carreira organizada polo concello de Soutomaior e que contou coa colaboración e participación da Deputación de Pontevedra, da Consellería do Mar, contou coa presenza de dúas foodtruck de Galicia Sabe Amar, colaboración tamén de Abanca e CaixaBanjk, e que estivo cofinanciada polos fondos da Unión Europea.

