A alcaldesa, Digna Rivas, lamenta que Redondela non poida ter aberta ao público a exposición de pezas de Sargadelos e critica que a Xunta non lle teña enviado o convenio para a cesión do espazo. Reclaman tamén dende o goberno local a cesión da praza da Torre, da parcela O Carballo das Cen Pólas en Reboreda e a finca anexa A Garonda.
Rivas lamenta, co gallo da celebración onte do Día das Artes galegas, dedicado ao artista e intelectural Isaac Días Pardo, responsable da nova etapa de restauración de cerámica de Sargadelos, que a mostra instalada na Casa da Torre non poida ser aberta ao público. Lembra que o Concello segue á espera de recibir por parte da Xunta o novo convenio para a cesión deste espazo, xa que o que se fixo en 2016 para a súa posta e marcha venceu hai anos.
O Director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, comprometérase a que no primeiro trimestre deste ano estarían os convenios asinados, prazo que rematou sen ter recibido no Concello comunicación algunha. En canto á solicitude feita pola Axencia de Turismo de Galicia sobre os medios que habilitará o Concello en materia de seguridade na sala da exposición, dende o Concello lembran que o convenio de cesión, asinado pola Xunta co anterior goberno do PP, establecía a instalación de cámaras de vixilancia que son as mesmas que se conservan a día de hoxe na sala. Rivas lembra que, se o Plan Xacobeo ten intención de renovar a cesión “nas mesmas condicións”, os requisitos en materia de seguridade “deberían ser os mesmos que eran perfectamente válidos ata o de agora”.
A alcaldesa, a través dos servizos técnicos do Concello, xa solicitou á Xunta “que na maior brevidade posible” se leven a cabo as xestións necesarias para a renovación dos convenios para o uso da sala da Casa da Torre, onde se alberga a exposición de Sargadelos, así como a cesión da praza da Torre e da parcela O Carballo das Cen Pólas e finca anexa A Garonda en Reboreda, tal e como se indicou en ocasións anteriores.