O CD Choco anunciou o regreso de Juan Amoedo como adestrador do primeiro equipo, nun movemento que busca reverter a complicada situación deportiva que atravesa o club na Preferente. A directiva do conxunto redondelán deu a benvida ao técnico local a través das redes sociais, destacando a súa “sangue choqueira” e expresando os mellores desexos para esta segunda etapa ao fronte do equipo. “Sangre choqueira ao fronte do equipo, Juan Amoedo volve ao banquillo de Santa Mariña. O adestrador redondelán tratará, nesta segunda etapa, de cambiar a dinámica do equipo e poder saír da zona de perigo. “Benvido a túa casa e desexámoste as maiores das sortes”, sinalaron desde o club.
O nomeamento de Amoedo chega apenas dous días despois da saída de Félix Rial, quen deixou o cargo tras unha tempada marcada por resultados adversos. O pasado domingo a derrota ante o Umia CF foi o detonante para a marcha de Rial, quen, xunto ao seu corpo técnico, chegou a un acordo co club para separar os seus camiños. Nun emotivo comunicado, o CD Choco agradeceu o compromiso do xa ex-adestrador, destacando que “unha despedida nunca é fácil, e máis se é a un dos nosos”. A pesar dos malos resultados, o club recoñeceu a dedicación de Rial ao escudo choqueiro ao longo dos anos e desexoulle éxito no seu futuro.
Agora, coa chegada de Juan Amoedo, o CD Choco confía en dar un xiro á súa situación, pois atópanse na décimo quinta praza da clasificación con 29 puntos, empatados co Verín CF e inmersos na zona de descenso a falta de seis xornadas para o final da liga. O técnico redondelán, que xa dirixiu ao equipo nunha etapa anterior, terá como primeiro reto preparar ao plantel para o próximo partido, unha visita ao Atlético Arnoia, un rival de media táboa con 39 puntos.
A seis xornadas do remate, o tempo aprema e os puntos son vitais para un equipo que necesita unha reacción inmediata se quere evitar o descenso. A afección espera que o regreso de Amoedo traia consigo a enerxía e o acerto necesarios para cambiar o rumbo dunha tempada que, ata o momento, está sendo amarga para o conxunto de Redondelán.