A actividade, enmarcada dentro dos actos que Redondela celebra co gallo do Ano Castelao desenvolverase nas instalacións da oficina de turismo hoxe xoves ás 19:30 horas. Diana Vilas, licenciada en Historia da Arte e membro da Aula Castelao de Filosofía, analizará as estampas de nenos, obra recorrente en Castelao e célebres pola súa retranca, o trazo e a mensaxe.
Logo das conferencias do catedrático Ramón Villares e a do escritor Emilio Ínsua, esta semana teremos en Redondela á escritora e investigadora Diana Vilas. A autora de varios libros sobre Castelao ofrece hoxe na Oficina de Turismo a conferencia que leva por título “O álbum dos nenos de Castelao” na que fará unha aproximación á representación que fai Castelao da infancia. As súas ilustracións de nenos e nenas son moi célebres polo seu trazo, a súa mensaxe e a retranca tan características deste galego universal. A entrada é libre ata completar o aforo.
As actividades continuarán o 30 de maio coa conferencia de Iria Friné sobre “A cartelaría do Estatuto do 36. Castelao”. Xa no mes de xuño, o día 4, o Concello colaborará co CEIP Alexandre Bóveda (Angorén-Chapela), na celebración do aniversario de Alexandre Bóveda, coa participación das fundacións Castelao e Bóveda. Tamén se celebrará un acto de homenaxe ao redor das orixes da escultura de Castelao que preside a alameda. A estatua erixiuse en Redondela en 1987 por subscrición popular, e foi a primeira de corpo enteiro que se realizou do insigne galeguista.
