Unha das características do Festival Internacional de títeres de Redondela é o feito de contar con persoas voluntarias que nos días previos e, sobre todo, na semana do festival realizan actividades de organización e atención tanto as compañías participantes como cara ao público que se achega aos espectáculos. Para esta edición, que se celebrará do 12 ao 18 de maio, Xente Titiriteira busca novos colaboradores que queiran participar deste evento.
As persoas interesadas realizaran labores de axudante de produción e rexiduría dos escenarios de rúa, así como diferentes tarefas vinculadas coa atención ás compañías participantes no evento e atención aos espectadores.
Para participar o único que hai que facer é enviar un correo cos datos persoais (nome, idade, enderezo, dispoñibilidade e os motivos que os levan a querer formar parte do equipos titiriteiro) ao enderezo fitvoluntariado@gmail.com
Dende a organización animan á veciñanza a participar e vivir o festival “dunha maneira divertida e comprometida”.