Hoxe é Martes 8 de Abril de 2025

Protesta polo estado do campo de fútbol de A Gándara: familias e xogadores esixen solucións

WhatsApp Image 2025-03-27 at 10.28.28

O Concello de Redondela anunciou a semana pasada o inicio das obras de reparación do campo de fútbol de A Gándara, no Viso, onde adestra o CD Cesantes, un club con máis de 150 fichas que abrangue diversas categorías. Porén, os traballos realizados pola construtora Zona de Obra SL, encargada da obra orixinal aínda en garantía, non conseguiron solucionar as deficiencias. A empresa acudiu en dúas ocasións, a última delas o pasado luns, para realizar arranxos no céspede, o sistema de rego e a iluminación, pero os problemas persisten: tapetes despegados, avarías no rego e unha drenaxe deficiente seguen afectando as instalacións.

A actuación incluíra a revisión das xuntas do céspede, a substitución de focos avariados e o reforzo da varanda perimetral, pero o CD Cesantes denunciou desde o principio que se trataba de “simples parches”. Os feitos déronlles a razón: tras as intervencións o campo continúa en mal estado, e o club esixe agora que Zona de Obra SL cumpra coas súas obrigas e, de ser necesario, se execute un proxecto novo para substituír o céspede actual, feito sobre unha base de xabre, por un de calidade que garanta durabilidade.

A isto súmase o estado precario dos vestiarios, que son só dous, insuficientes para un club da envergadura do CD Cesantes, e que se atopan en mal estado, sen que o equipo feminino conte cun espazo propio, o que agrava as carencias das instalacións.

O proxecto orixinal de 2017 foi un erro de base: a utilización de xabre en lugar de asfalto como soporte, inadecuado para a climatoloxía da zona, é a causa principal dos problemas de drenaxe. O CD Cesantes, farto da situación, elevou as súas demandas nas redes sociais: “Non nos conformamos con parches. O problema está na base, e ou se levanta todo o céspede e se fai ben, ou seguiremos igual“. O club recorda que a garantía da instalación remata en agosto e advirte que non aceptará máis solucións provisionais. “Queremos un campo digno, cun céspede de calidade que dure”, reclaman, pedindo ao Concello que esixa responsabilidades á construtora ou impulse un novo proxecto se a empresa non é capaz de cumprir.

Como mostra deste malestar, pais e nais dos deportistas, convocaron unha protesta para este venres 4 de abril ás 20:00 horas diante da porta do Concello de Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: