Os populares, tras reunirse na mañá de hoxe co goberno local, aseguran que é condición irrenunciable a restitución e rebaixa da taxa do lixo para abordar o seu posible apoio para a aprobación dunha dedicación parcial ao concelleiro do PSOE, Alberto Álvarez, quen dende hai meses forma parte da corporación municipal sen recibir retribución algunha. O PP tamén puxo sobre a mesa outro requisito para votar a favor deste salario: a supresión da praza do persoal de confianza do Bloque, unha circunstancia na que din que hai acordo coa alcaldesa “posto que admitiu que xa tiña previsto o seu cese”.
PP e PSOE avanzaron hoxe na negociación dun posible acordo de cara a aprobar un salario para o concelleiro socialista que se incorporara ao goberno logo da renuncia de Pilar Martínez. Un achegamento entre ambos partidos que vai afondar aínda máis na ruptura dos socialistas co BNG xa que un dos temas negociados é a supresión da praza de persoal eventual concedida ao Bloque, froito do pacto de investidura. Neste punto aseguran os populares “o acordo entre PP e PSOE xa está acadado, posto que a rexedora local amosou a súa coincidencia coa formación liderada por Javier Bas e incluso dixo nesta reunión que xa tiña previsto o cese da asesora do BNG”.
Rebaixa do lixo
Con todo, os populares salientan que froito da reunión mantida hoxe conseguiron que o goberno local reabra as negociacións para a restitución e rebaixa da taxa do lixo “despois de que este tributo se incrementase nunha media do 165% desde o presente ano 2025 coa súa aprobación en pleno cos votos de PSOE, AER e BNG”.
Explican que a xuntanza celebrada na mañá de hoxe coa alcaldesa, Digna Rivas, e a voceira do seu grupo, Rita Pérez, fora solicitada polo goberno local para abordar o posible apoio do PP á aprobación dunha adicación parcial para o edil socialista que traballa no concello e cuxo salario foi rexeitado anteriormente en pleno polo decisivo voto contrario do BNG.
A delegación do PP, encabezada por Javier Bas, aceptou respaldar esta cuestión económica a cambio da condición “irrenunciable” de que se revise a taxa do lixo e se retorne ás tarifas vixentes ata o ano 2024, ou incluso que se poida facer algún “axuste razoable” sobre as mesmas, pero que en ningún caso se manteñan as actuais “posto que supoñen un incremento medio do 165% e que supera o 300% no caso de moitos negocios que, ademais, apenas producen residuos orgánicos”.
Os populares lembraron que teñen recurrida xudicialmente esta suba da taxa do lixo a través un recurso contencioso ante os tribunais e garantiron que, de chegarse a un acordo co goberno local, procederían á súa retirada inmediata.
“Imos ver se hai unha vontade real de negociación, pero, en todo caso, temos que amosar a nosa satisfacción porque o noso traballo na defensa exclusiva dos redondeláns estea a dar froitos, xa que consideramos un paso importante que o goberno se aveña a falar da taxa do lixo e agardamos que se poida reconducir a unhas cifras razoables”, explicou Javier Bas.