David Lago acabou terceiro na proba nacional celebrada na A Coruña esta fin de semana. Unha posición que lle permite formar parte da delegación que representará a España na Olimpíada Informática Internacional que se celebrará este verán en Bolivia do 27 de xullo ao 3 de agosto. Este mozo de 16 anos, alumno de 1º de bacharelato no IES Pedro Floriani, tamén se postula como un dos candidatos para a olimpíada de física. As probas nacionais desta disciplina disputaranse o vindeiro 11 de abril en Valencia.
A Coruña acolleu este domingo a clausura da Olimpíada Informática Española, organizada pola UCD e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (Cpeig). Unhas probas que servían para seleccionar as persoas que representarán a España na competición Internacional.
Un dos representantes será o redondelán David lago, que asegura así a presenza galega nunha delegación na que os outros tres estudantes proceden de Cataluña.
O alumno do Pedro Floriani acabou en terceira posición con 394 puntos. O gañador absoluto foi Ricardo Batanero Moranchel (423 puntos), seguido por Andrii Basov (409). En cuarta posición clasificouse Eulàlia Gaya Bretones (379).
Estes catro estudantes serán os encargados de defender a candidatura española nas Olimpíadas Internacionais de Informática do vindeiro verán en Bolivia.