Fotos profesionais de Patry Rivas
A SAR Rodavigo despediu a tempada 2024/2025 da División de Honra Plata Feminina cunha axustada vitoria a domicilio ante o BM Fuentes Carrionas (33-34), asegurando a sétima posición e a permanencia, mentres que o Cíes Obra Civil Balonmán Chapela sufriu unha nova derrota na Primeira Autonómica ante o Samertolameu (17-29), complicando as súas opcións de permanencia a falta dunha xornada.
BM FUENTES CARRIONAS – SAR RODAVIGO (33-34)
Na xornada 26 da División de Honra Plata Feminina, a SAR Rodavigo despediu a tempada 2024/2025 cunha axustada vitoria a domicilio fronte ao BM Fuentes Carrionas en Palencia, cun marcador final de 33-34. O partido comezou cunha primeira metade moi igualada que rematou en empate a 17. Na reanudación, as xogadoras da SAR lograron despegarse no marcador, alcanzando unha vantaxe de cinco goles (25-30, min. 48), aínda que o conxunto local recortou distancias nos instantes finais. Con este triunfo, a SAR Rodavigo pecha a liga na sétima posición, sumando 26 puntos grazas a 13 vitorias e 2 empates. O equipo fai un balance positivo da tempada, celebrando a consecución do obxectivo de manterse un ano máis na categoría. Desde o club, trasladaron os seus parabéns ás xogadoras e ao corpo técnico polo compromiso e o esforzo demostrados ao longo da campaña.
CIES OBRA CIVIL BALONMAN CHAPELA – BALONMAN SAMERTOLAMEU (17-29)
Pola súa banda, na Primeira Autonómica Feminina, o Cíes Obra Civil Balonmán Chapela non puido evitar unha derrota na casa ante o Balonmán Samertolameu, cun resultado de 17-29. As sénior do Chapela resistiron durante a primeira metade, pero non lograron manter o ritmo na segunda parte. Cunha racha de cinco derrotas consecutivas, o equipo sitúase como pechacancelas da clasificación, cun alto risco de descenso. Na próxima xornada, que será a última da liga, o Chapela enfrontarase a domicilio ao Poio Artai, rival directo na loita por evitar o penúltimo posto, nun duelo clave para as súas aspiracións.
Dous desenlaces distintos para o balonmán feminino local: a SAR Rodavigo despídese cunha nota alta na DH Plata, mentres o Balonmán Chapela encara un final de tempada decisivo na Primeira Autonómica.

SEGUNDA AUTONÓMICA
SAR BLUENEWABLES – LIRON STORE BUEU ATLETICO BALONMAN (27 – 26)
Na xornada deste sábado na Segunda Autonómica de balonmán feminino, a SAR Bluenewables conseguiu unha emocionante vitoria por 27-26 fronte ao Lirón Store Bueu Atlético Balonmán no Pavillón Municipal da Bomboneira. O encontro, que estivo disputado de principio a fin, permitiu ás xogadoras da SAR sumar 14 puntos e colocarse na sétima posición da clasificación.
O partido foi unha loita constante, con ambos equipos pelexando cada balón. As locais lograron unha vantaxe na primeira metade grazas a unhas boas accións ofensivas, chegando ao descanso cun marcador de 15-11. Porén, na segunda parte, o Atlético Bueu reaccionou con forza, reducindo distancias e mesmo tomando a dianteira (20-23, min 41). Aínda así, as xogadoras da SAR Bluenewables non se renderon e, cun gran esforzo final, selaron o triunfo por un axustado 27-26.
Este foi o último partido en casa da liga para o equipo, que na próxima xornada, a derradeira da tempada, visitará ao BM Caselas, terceiro clasificado.
AS CHOQUEIRAS PASTORIZA – BM PABELLON OURENSE (27 – 27)
Pola súa banda, na mesma categoría, As Choqueiras Pastoriza lograron un empate a 27 fronte ao BM Pabellón Ourense no Pavillón Municipal de A Marisma. Nun choque igualado, o equipo local sumou un punto que eleva o seu total a 3 na tempada, froito dunha vitoria e este empate, aínda que seguen ocupando o último posto da táboa.
Na última xornada, As Choqueiras terán un desafío complicado ao recibir ao Seis do Nadal, líder indiscutible da Segunda Autonómica.
