O goberno local anuncia o cese inmediato de Elsa Quintas como persoal de confianza do BNG no concello. A alcaldesa argumenta esta decisión ante a negativa do Bloque a negociar o salario que lle correpondería ao concelleiro Alberto Álvarez pola súa dedicación parcial “os nacionalistas dedicáronse a chantaxear ao goberno esixindo manter o seu cargo de confianza, a situación non pode prolongarse máis porque levamos desde novembro aguantando a falta de responsabilidade do Bloque e as súas chantaxes”.
Tal e como se podía intuir logo das últimas informacións en torno á negociación para a aprobación dunha retribución ao edil Alberto Álvarez, hoxe a alcaldesa Digna Rivas, fixo pública a súa decisión de cesar de xeito inmediato a persoa que ocupaba un cargo de confianza ao servizo dos nacionalistas froito do pacto de investidura asinado por PSOE e BNG. A rexedora asegura que esta decisión chega logo de que en ningún momento o Bloque quixese falar do salario que lle correspondería a Álvarez pola súa dedicación parcial e tras meses “padecendo a chantaxe e a falta de responsabilidade do BNG que se nega sistematicamente a chegar a acordos”.
Afirma a rexedora que malia que o xulgado en primeira instancia anulou a designación do cargo de confianza do grupo municipal do BNG “este cargo mantívose ata o de agora tal e como se acordou no pacto de investidura, pero os nacionalistas non asumen a súa responsabilidade” e conclúe afirmando que “non vou consentir máis chantaxes, ni que a situación de Alberto Álvarez continúe como ata o de agora, porque en política non todo vale” para, a continuación, anunciar que o goberno local tomou a decisión de cesar de xeito inmediato ao cargo de confianza de BNG no Concello.
2 respostas
A ver se Radioredondela da tamén a versión do BNG. Radioredondela sempre en contra do BNG. A radio cada vez mais polarizada.
A Sra Rivas sabe de política?. A acción de cesar ao cargo de confianza ben da reunión co PP ou porque non debería tela dende o minuto un porque o BNG non entrou no goberno?. Porque actuando como actuou, segue no mesmo punto, e quedando mal, entrevista tras entrevista. Asumirá as culpas dos seis actos?.