O CD Choco vive un momento de renovación e esperanza co regreso de Juan Amoedo ao banco de Santa Mariña. O técnico redondelán, con “sangue choqueira”, volveu á súa casa para liderar ao equipo nunha situación delicada, co obxectivo de saír da zona de perigo e consolidar a permanencia na Preferente. A súa estrea, un empate sen goles ante o Atlético Arnoia, deixou un sabor agridoce pero permitiu sumar un punto clave que sitúa ao Choco na décimo cuarta posición con 30 puntos, fóra dos postos de descenso. A cinco xornadas do final, Amoedo confía en devolver a ilusión á afección redondelá e encara cada partido como unha final.
A chamada do CD Choco colleu a Amoedo nun momento persoal intenso. “Foi todo moi rápido, non tiven moito tempo para pensar. Había présa por empezar a traballar, con só seis partidos por diante”, explica. Neste momento da súa carreira está adestrando na academia do Celta en Arabia Saudita, pero a operación do seu pai levouno a regresar a Galicia. “Cando xurdiu esta oportunidade, non o dubidei. Son de aquí, defendo este escudo e non podía quedarme na grada vendo o que pasaba”, asegura con convicción ao que engade que vai a estar “ata ao final e cumprir o obxectivo”.
O empate ante o Atlético Arnoia (0-0) foi o primeiro paso de Amoedo no seu regreso. A pesar das numerosas baixas por lesión, o equipo mostrou solidez defensiva, especialmente na primeira parte, nun campo complicado e ante un rival físico e directo. “Tivemos opcións para marcar, pero non as concretamos. O plan era chegar ao final do partido en mellores condicións que eles, e centrámonos moito na defensa, que estivo moi ben”, analiza. O punto logrado non só serviu para abandonar a zona de descenso, senón tamén para reforzar a confianza do vestiario. “Mentalmente, este resultado dá forza aos xogadores e ao corpo técnico”, engade.
A estrea tamén deixou espazo para a canteira, con tres xuvenís na convocatoria que responderon á perfección. “Temos un Xuvenil A en División de Honra e un B que vén de ascender. Dar oportunidades aos rapaces é importante, e demostraron que están preparados”, destaca Amoedo, orgulloso da base do club.
Estratexia: mentalidade e partido a partido
Para o técnico, a principal carencia do equipo era a nivel mental. “Estaban nunha dinámica negativa, algo que nos pasa a todos os adestradores nalgún momento. O que temos que cambiar é a confianza, porque este equipo ten recursos”, afirma. A estratexia pasa por recuperar xogadores lesionados e preparar cada encontro como se fose o decisivo. O próximo reto será na casa, ante o Cultural Areas, un dos conxuntos máis fortes da categoría. “É unha das mellores plantillas da Preferente, pero en Santa Mariña temos que ser fiables. Imos xogar para gañar, sen especular”, advirte.
A enfermaría, con xogadores como Álex Figueroa, Marcos, Chico, Iker ou Rubén (operado do cruzado) fóra de xogo, é unha preocupación, pero Amoedo confía na canteira e na recuperación progresiva dalgúns efectivos. “Temos unha boa xeración na base, e eles tamén son o futuro do club”, subliña.
Ser “choqueiro” é un orgullo para Amoedo, pero tamén unha responsabilidade. “Non sinto presión, é algo natural para min. Aínda que a ‘sangue choqueira’ pode volverse en contra cando as cousas veñen mal dadas”, recoñece. A súa mensaxe á afección é clara: “Que non se preocupen. Non lles podemos pedir nada despois do ano que levan. Agora toca falar cos feitos, gañarnos o seu apoio e facer que volvan engancharse ao equipo”.
Un obxectivo claro: a permanencia
A falta de cinco xornadas, Amoedo evita facer contas sobre os puntos necesarios para salvar a categoría. “É imposible prever, a tempada está moi igualada. O noso obxectivo é gañar o próximo partido contra o Areas e ir paso a paso, como se cada encontro fose unha final”, insiste. Co apoio da afección e a forza de Santa Mariña, o CD Choco confía en que o regreso de Amoedo marque un punto de inflexión para pechar a tempada coa cabeza alta.
A ilusión está de volta en Redondela, e o camiño, aínda que complicado, parece máis claro coa chegada dun técnico que coñece o club como ninguén. O domingo no Campo de Santa Mariña, ante o Cultural Areas, o Choco terá unha nova oportunidade para demostrar que a permanencia é posible.