Hoxe é Martes 6 de Maio de 2025

O Chapela CF feminino consolídase como líder indiscutible na liga de F7

WhatsApp Image 2025-04-06 at 18.48.58

 A liga de fútbol 7 feminino, da zona de Vigo, chegou ao seu fin, deixando un balance moi positivo para os equipos da contorna. O Chapela CF emerxeu como o gran dominador desta tempada, consolidándose no primeiro posto da clasificación con 19 puntos. O equipo, que se formou hai sete anos a partir dun grupo de xogadoras adultas que apostaron forte polo deporte a pesar das dificultades, demostrou un rendemento excepcional con 6 vitorias, un empate e tan só unha derrota en 8 xornadas, converténdose nas claras favoritas para alzarse co título.

A primeira volta da liga rematou cun Chapela CF intratable, sumando 3 vitorias e un empate que as colocou á cabeza da táboa. Na segunda volta, o equipo mantivo o seu nivel, conseguindo outras 3 vitorias, aínda que caeron no seu último partido fronte ao Tomiño FS, un encontro que se decidiu por pequenos erros defensivos e a intensidade das rivais. A pesar desta derrota, as xogadoras do Chapela seguen sendo as líderes absolutas con 19 puntos, seguidas de preto polo Tomiño FC con 17 puntos e o Tyde con 15, o que promete unha segunda fase cargada de emoción.

Un equipo unido que naceu das adversidades

A historia do Chapela CF é un exemplo de superación e unión. Segundo contan as xogadoras, o equipo xurdiu en Vigo como un proxecto modesto, cun grupo pequeno de mulleres que, temporada tras temporada, loitaron por manterse a flote. “Éramos poucas, custábanos ir aos adestramentos, pero sempre había un bloque duro que apostaba forte”, explican. A falta de apoio económico e a disolución do seu club orixinal, centrado no fútbol base infantil e sen recursos para un equipo senior, obrigounas a buscar unha nova casa. Foi entón cando o Chapela CF lles abriu as portas, ofrecéndolles unhas condicións que nunca imaxinaran: campos en bo estado, apoio loxístico e facilidades para xogar. “Pasamos de adestrar nun campo de terra cheo de barro no inverno a ter un club que nos coida e nos dá todo”, destacan.

“O equipo que tiñamos en Vigo ía desfacerse e con esta oportunidade puidemos seguir xuntas”, comentan as xogadoras.
“O Chapela CF abriunos as mans e deunos unhas condicións que nunca imaxinamos”, xogadoras.

O segredo do seu éxito, din, non está só na calidade individual –que a teñen–, senón na unión do grupo. “Somos unha piña, compensámonos entre todas e apoiamonos sempre”, aseguran. A única incorporación recente foi Uxía, unha xogadora nova de Redondela que achega velocidade e frescura, mentres que o resto do plantel mantense fiel ao núcleo orixinal. A pesar de ser un equipo compensado, recoñecen que o maior reto para dar o salto ao fútbol 11 sería o número de xogadoras, xa que cada ano sofren baixas e prefiren a dinámica e flexibilidade do fútbol 7. “Gústanos máis o fútbol 7, é rápido, non hai límite de cambios e non che rouba tanto tempo”, explican.

“Non non pesa o tema de ser mulleres e algunhas son nais, pero con ganas consíguese a conciliación”, xogadoras.

Entre os seus rivais máis fortes, o Chapela CF sinala ao Tyde como o equipo que lles pon as cousas máis difíciles. “Son duras, loitan moito e van a todo. Custános tirar a portería e pasar o balón contra elas”, admiten. A veteranía do Tyde, similar á do Chapela, convérteos nun espello do seu propio estilo: equipos sen estrelas individuais, pero cunha solidez colectiva que marca a diferenza. A derrota contra o Tomiño FS no último partido tamén deixou unha lección, cun rival que soubo aproveitar os erros defensivos do Chapela nun día no que o equipo non estaba ao 100%.

“O Tyde é un equipo moi parecido ao noso e son moi duras, loitan moito”, xogadoras.
“Perdimos o último partido contra o Tomiño, colleron o partido con ganas e nós tiñamos posicións cambiadas”, xogadoras.

As xogadoras do Chapela CF aproveitan para animar ás rapazas novas a practicar fútbol e unirse ao club. “Encantaríanos que viñesen rapazas como Uxía, con ganas e forza, porque nos aportan moito e porque é unha pena que tantas rapazas que destacan en equipos mixtos non teñan continuidade nos equipos femininos senior”, din. Para elas, o fútbol é moito máis que un deporte: “É terapia, é socializar, é facer grupo e botar unhas risas”. Os adestramentos, aseguran, son esixentes pero divertidos grazas ao traballo dos seus dous adestradores e á boa sintonía entre as compañeiras.

“Estamos encantadas de que se unan novas xogadoras porque nos aporta moito e queremos darlle oportunidade de continuar xogando”, xogadoras.
“É unha pena que desaparezan equipos. Hai que seguir dando forza ao deporte feminino e as cousas están mellorando moito”, xogadoras.

O futuro do deporte feminino e os soños de Uxía

O equipo ve con optimismo a evolución do deporte feminino, aínda que recoñece que queda camiño por percorrer. “Vai medrando pouco a pouco. En deportes como o balonmán xa hai igualdade de visibilidade, pero no fútbol en Vigo perdéronse moitos equipos femininos nos últimos anos, e iso é unha pena porque hai nenas con talento que non poden seguir”, lamentan. Uxía, a xogadora máis nova, ten claro o seu soño: “Encantaríame xogar en Primeira División e profesionalizarme. Levo xogando desde os 3 anos e disfruto cada minuto no campo”. A pesar da súa idade, foi integrada perfectamente no equipo e compaxina o fútbol 7 co Chapela co fútbol 11 nun equipo mixto cadete, onde comparte vestiario con outra rapaza, Aroa.

“Encantaríame ser profesional e estou moi arroupada no Chapela CF”, Uxía.

A Liga Ouro: un novo reto para o Chapela CF

Coa primeira fase rematada, agora comeza a Liga Ouro, que reúne ás mellores equipos de cada zona. Nesta nova etapa compiten o Arcadia Escola de Fútbol e o Domaio FC (da liga de Pontevedra), o Tomiño FC (que tamén logrou clasificarse), o Chapela CF (da liga de Vigo) e o Praíña Sporting Club de Santiago. Inicialmente estaba previsto que participasen dous equipos de Santiago, pero o Alto do Vento retirouse, deixando un grupo final de 5 equipos. As mozas do Chapela CF chegan a esta fase en plena forma, liderando a Liga Ouro con 12 puntos e demostrando que seguen sendo unha forza imparable. A competición promete ser intensa, co Chapela CF decidido a manter o seu posto na cima e loitar polo campionato.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: