O voceiro do BNG, Xoán Carlos González entende que a decisión de Digna Rivas de cesar de xeito inmediato o cargo confianza do Bloque no concello é exemplo da boa sintonía entre PSOE e PP “os populares póñenlle como condición a Rivas para avanzar nas negociacións que anule o cargo de confianza do bloque, e a alcaldesa executa esa orde ao día seguinte”. Un movemento que supón “un novo pau na roda por parte da alcaldesa” nunhas relacións nas que xa hai unha “falta de confianza absoluta polo incumprimento reiterado por parte do goberno dos acordos asinados”. En canto a retribución do edil Alberto Álvarez aseguran que “a única responsable de que este concelleiro non estea a percibir un salario é a propia alcaldesa”.
O voceiro do BNG confirma que á súa formación política non lle colleu de sorpresa a decisión da alcaldesa de anular de xeito inmediato o persoal de confianza ao servizo do Bloque porque “dende o PSOE levaban meses ameazando con cesar a esta persoa” pero entenden que o momento elixido exemplifica o bo entendemento que existe entre PSOE e PP e que se vai traducir “nunha dereitización dos políticas dun goberno que se di progresista”.
A situación precipitouse a raíz das negociacións para aprobar o salario do edil Alberto Álvarez quen, logo de cinco meses como concelleiro segue sen percibir ningunha retribución malia as súas responsabilidades ao fronte dos departamento de Medio ambiente, Sanidade, Transición enerxética e Participación cidadá. A alcaldesa acusa aos nacionalistas de negárense a negociar este asunto e limitarse a chantaxear ao goberno. Para o BNG a única responsable de que Álvarez estea nesta situación é de Digna Rivas “é a súa irresponsabilidade ao decidir liberar a unha persoa sen chegar a un acordo previo” e insiste en que dende o Bloque “sempre estivemos dispostos a chegar a acordos pero cando os socialistas sistematicamente incumpres os acordos a responsabilidade deixa de ser nosa”.
Malia este novo desencontro asegura que o seu partido “non vai actuar con revanchismo” e, sobre a posible aprobación dos orzamentos –que se lle pon especialmente custa arriba ao goberno- adianta que “se o documento económico é positivo para os redondeláns non dubidaremos en votar a favor malia que o feito de presentalos a esta altura supón un novo incumprimento do pacto de investidura onde se recollía que o tiñan que ter presentado a finais do pasado ano”.