Hoxe é Mércores 16 de Abril de 2025

A Xunta rexeita que Redondela forme parte do padroado que xestiona a illa de San Simón

xunta illa

Digna Rivas e López Campos xunto ao director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, trasladoulle á alcaldesa, Digna Rivas, nunha reunión celebrada onte a “cooperación e disposición total” da Consellería a incorporar aquelas propostas e suxestións culturais procedentes do Concello pero rexeitou a súa incorporación ao padroado da Fundación Museo do Mar de Galicia. A rexedora cualifica esta decisión de “discriminación inxustificable cara a veciñanza de Redondela”.

A reunión serviu para abordar a actualización do acordo de colaboración para a programación cultural na Illa de San Simón, asinado entre ambas as dúas administracións en 2015, pero non supuxo ningún avance na petición da alcaldesa sobre a incorporación de Redondela ao padroado da Fundación que xestiona a Illa.

O responsable da Xunta rexeitou con rotundidade que Redondela poida formar parte deste padroado, alegando que na Fundación trátanse máis temas que San Simón, polo que a consellería “non contempla a posibilidade de que o Concello de Redondela forme parte deste órgano”.

Rivas tamén solicitou a recuperación da Fundación Illa de San Simón por entender que é preciso poñer en marcha un organismo que faga un seguimento do que sucede na illa, das súas necesidades cara ao futuro, do programa de actividades e dunha correcta sinalización e promoción como Lugar de Memoria Histórica, tal e como tamén demandan os colectivos memorialísticos.

Neste sentido insistiu Rivas en que o Concello de Redondela “non está de acordo con converter a illa nun parque de atraccións nin en promover o lucro de empresas que explotan a nivel turístico o seu valor con talleres de ioga, xincanas ou noites de Samaín”.

Unha petición que tampouco foi atendida pola Xunta que si lle trasladou que dende a Consellería mantense a “reclamación de que o Estado transfira definitivamente a Galicia a súa titularidade”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: