Hoxe é Xoves 17 de Abril de 2025

Colectivos de Vilar reclaman que a reforma da estrada Porto Cabeiro inclúa o tramo do centro escolar

vilar estrada

Colectivos veciñais e sociais de Vilar e a Anpa do Ceip Portocabeiro valoran positivamente o anuncio do inicio das obras en parte da estrada de Portocabeiro pero reclaman unha planificación integral que inclúa a totalidade da via. Instan ao Concello a que explique cal será a folla de ruta para completar o proxecto nos tramos pedentes, especialmente na contorna do colexio que “inexplicablemente quedan fóra desta primeira fase.

O concello de Redondela anunciaba recentemente un investimento de 530.000 euros con cargo ao plan +Provincia da Deputación para acometer a reforma integral da estrada no tramo entre a N-555 e o camiño do Campiño, que se dotará con beirarrúas nunha das súas marxes.

As asociacións da parroquia amosan a súa satisfacción polo anuncio da execución dun dos tramos da estrada de Portocabeiro, despois de anos de demandas, actuación que consideran “un primeiro paso necesario para mellorar a seguridade viaria e a calidade da infraestrutura”.

Porén, os colectivos veciñais instan ao Concello de Redondela a que explique con claridade cal será a folla de ruta para completar o proxecto que necesariamente debe incluír tamén o arranxo do tramo na contorna do CEIP de Porto Cabeiro. Lembran que esta estrada presenta carencias urxentes en materia de seguridade viaria, e que é precisamente neste treito onde se fai máis necesaria a actuación coa construción de beirarrúas, a humanización do espazo e a mellora da accesibilidade para garantir a seguridade de todo o alumnado que chega a pé ao centro.

Aínda que consideran positivo o arranxo da calzada no tramo inferior da estrada ata preto do centro escolar, polo seu mal estado, insisten en que a nivel de humanización e beirarrúas a meirande parte das necesidades  se centran na contorna do centro escolar, onde o risco é maior, pola presenza diaria de centenares de peóns. Un perigo para os nenos e nenas que acoden ao centro a pé pero tamén para o resto dos escolares transportados no momento do acceso ao centro. 

Por todo isto, os colectivos agradecen o comezo das obras, pero solicitan ao goberno municipal que faga pública unha planificación clara e con prazos definidos para a totalidade do proxecto, co obxectivo de acadar unha solución integral que atenda ás necesidades reais da veciñanza.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: