Pedro Vieitez, Juanma Alfaya e Marcos Lareira do Colectivo Republicano
O programa de actividades que o Colectivo Republicano organiza co gallo da conmemoración da II República inclúen a reposición dunha placa en lembranza dos presos de San Simón na praia de Cesantes así como un recoñecemento a todos eses mestres e mestras represaliadas no franquismo cun acto que terá lugar nas casas dos Mestres o domingo e que contará coa intervención de Tatán, neto de Antonia Rodríguez Salinas, quen padeceu a represión franquista. Os actos arrancan coa charla “A República, unha oportunidade perdida” a cargo do exmaxistrado José Antonio Martín Pallín.
O Multiúsos da Xunqueira acolle este venres ás 20:00 horas a primeira das actividades organizadas polo Colectivo Republicano cunha conferencia a cargo do exmaxistrado do tribunal Supremo, José Ántonio Martín Pallín quen ofrecerá un percorrido sobre a II república española instaurada en España en 1931 ata o inicio da ditadura franquista no 39.
Baixo o título “A república, unha oportunidade perdida” o xurista falará tamén das principais cuestión que foron o detonante do golpe do 36 e ofrecerá a súa opinión sobre a situación actual e a oportunidade perdida para volver instaurar un réxime republicano.
Este é o primeiro dos actos dun programa que inclúe tamén a reposición da placa en lembranza dos presos de San Simón. A orixinal fora instalada en cesantes no ano 2008 e desapareceu tan só cinco días despois da súa colocación”. O acto de reposición terá lugar o sábado ás 12:00 horas na praia da punta.
O domingo as actividades arrancarán ás 12:30 co tradicional homenaxe no monumento da Concheira e xa pola tarde, ás 17:30 haberá unha acto na foxa común dos Eidos. A xornada continuará con pasarrúas con apradas nas placas de Nadora e Garavilla para rematar nas casas dos Mestres para homenaxear aos republicanos de honra deste ano, homenaxe centrado precisamente en todos aqueles mestres e mestras que sufriron a represión polo seu xeito de entender o ensino con nomes como Ernestina Otero, Raimundo Cal ou Nicanor Villar entre outros moitos, tal e como nos explicaba dende o colectivo organizador, Pedro Vieitez.
Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” participará tamén neste acto lembrando a súa avoa, Antonia Rodríguez Salinas, que se viu obrigada a deixar a súa vida en Madrid e vir a Redondela cando o seu marido é encarcerado en San Simón e que tamén forma parte das mestras represaliadas que abandona a docencia para non acatar as consignas do franquismo.
