A Federación de Anpas de Redondela esixe á Dirección Territorial de Educación a retirada inmediata dun escrito remitido aos centros educativos nos que se reclama información sobre a súa participación no Artelixo deste ano. Os organizadores do evento falan incluso de “abuso de poder” por parte deste departamento que busca “amedrentar ao profesorado”. Previamente dende as centrais sindicais CCOO e UGT xa alertaran de “coaccións encubertas” aos colexios de Redondela pola súa participación neste certame. Dende o Concello amosan o seu total apoio ao Artelixo e o BNG anuncia que levará ao Parlamento o acontecido.
A organización do evento fala de “abuso de poder” por parte de Dirección Territorial de Ensino e apuntan directamente ao xefe territorial deste departamento César Pérez Ares tras a recepción nos centros educativos dun comunicado no que se solicita información aos equipos directivos sobre a súa participación nun evento “que este ano mudou a súa denominación respecto de cursos anteriores”. É precisamente esa referencia a que este ano ors organizadores decidiron bautizalo como ALTRIlixo o que máis preocupa aos sindicatos xa que entende que é unha “insinuando de que a nova orientación crítica co proxecto de ALTRI podería ter consecuencias para quen participe”.
Fran Álvarez insiste en que o espírito do Artelixo foi sempre mover a reflexión en torno ás amezas que sofre o medioambiente e que, nesta edición deciden poñer o foco na macrocelulosa de Altri sempre cunha mirada ecoloxista algo que parece molestar nalgunhas esferas. Con todo, aplaude a reacción do profesorado “que non se deixou amedrentar o que nos enche de confianza na calidade da educación pública”.
Pola súa banda, dende a Federación de Anpas amosan tamén a súa preocupación polo acontecido “consideramos totalmente desproporcionado e inadmisible o feito de que desde Dirección Territorial se solicitase á Inspección que cursase unha petición formal de información aos equipos directivos”. Este tipo de actuacións engaden “lonxe de promover un clima de colaboración e confianza entre administración e centros, pode interpretarse como unha forma de amedrentamento ou presión, que condiciona futuras participacións en actividades culturais e creativas de carácter educativo” motivo polo que solicitan formalmente á Dirección Territorial a retirada inmediata do escrito “por respecto polo labor docente e o fomento dun ensino libre e comprometido coa formación integral do alumnado”.
O Concello de Redondela sumouse tamén a estas críticas e esixe á Consellería de Educación “o cese deste tipo de presións impropias dun sistema democrático”.
Pola súa banda o BNG anuncia que levará o acontecido ao Parlamento “pediremos todas as explicacións ante unha actitude que vai en contra do espírito crítico e da conciencia medioambiental” e trasladan o seu total e absoluto apoio aos equipos directivos e aos claustros “ante unhas directrices que buscan coaccionar a liberdade dos centros educativos”.

