O voceiro do PP cualifica de “pataleo propio de cativos” as críticas dos nacionalistas cando falan dunha suposta pinza PP-PSOE contra eles e dun xiro á dereita do goberno local. Entenden que malia o desencontro puntual que poida supoñer que Rivas cesara ao persoal de confianza do Bloque no concello “cando Digna precise de verdade os seus votos para seguir gobernando, terán levantadas as mans dos nacionalistas coa súa tradicional postura de muleta”.
Bas afirma que o BNG está deslexitimado para queixarse do goberno de Digna Rivas, “xa que é o único responsable por investilo” e engade que as acusacións da pinza PP-PSOE e de xiro á
dereita do executivo “ninguén as toma en serio”.
Remóntase o voceiro popular ao 17 de xuño de 2023 cando “na sesión de investidura deste mandato, Xoán Carlos González e os nacionalistas tiveron que tomar unha decisión sobre o goberno de Redondela para estes catro anos e levantaron a man, por orde da súa sede de Santiago, a favor de Digna Rivas co único obxectivo de que non houbera un goberno do PP. Ese día perderon todo o dereito moral a queixarse, porque o de Digna Rivas é o seu goberno, posto por eles, aínda que agora tenten desentenderse”.
Conclúe Javier Bas instando aos nacionalistas a que si “están tan molestos co actual goberno local teñen na súa man mudalo nun par de semanas”.
