O antigo recinto da feira do gando converterase este sábado no epicentro da música alternativa coa gran final do Concurso de Maquetas do Festival Millo Verde. Nesta decimo sétima edición, as bandas finalistas, Sustanciados e Alterazión, competirán por un codiciado posto no cartel do XVIII Festival Alternativo Millo Verde, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de xuño na Área Recreativa da Praia de Cesantes, en Redondela, con bandas confirmadas como Jason Kane & The Jive, De Stokers, Tangomango, Hugo Guezeta e Peitoescuro.
Un total de trinta formacións participaron este ano no concurso, enviando as súas maquetas para tentar facerse un oco nun dos festivais máis relevantes para bandas emerxentes de Galicia. A organización destacou a alta calidade dos traballos presentados, dos que seleccionaron a dous finalistas: Sustanciados, unha banda de Mos formada en 2019 que mestura reggae, ska e punk con letras combativas, e Alterazión, un grupo de punk-rock de Melide con raíces no 2008, influenciado por bandas como La Polla Records.
Sustanciados: enerxía e letras reivindicativas en galego
Sustanciados chega a esta final nun momento dourado. Cunha formación de nove membros —Diego e Zalo nas voces (Zalo tamén na guitarra rítmica), Óscar “Mace” na guitarra solista, Xoan no baixo, Samu “Baketas” na batería, Marcos nos teclados, Dani e Pablo “Sote” nas trompetas, Juanjo no trombón e Rubén “Tupu” no saxofón—, a banda ofrece un son fresco e explosivo que invita a bailar sen parar. “Somos un grupo de amigos de Mos que levabamos tempo facendo música por separado na banda Xuvenil de Torroso e a de Salceda, e un día de 2019, entre risas, xurdiu a idea de montar algo xuntos”, conta Óscar. O nome da banda ten a súa orixe nunha broma interna: chamábanse “sustanciado” entre eles, como quen di “lambespiñas” a un amigo, e cando chegou o momento de formar o grupo, o nome calou.
As súas letras, cargadas de crítica social como no tema Consumismo y Capital, reflicten a súa aposta por un discurso reivindicativo. Para a final, prometen un setlist potente con algunha sorpresa e temas novos, xunto a outros xa coñecidos do seu repertorio.

Alterazión: punk-rock con influencias vascas
Pola súa banda, Alterazión chega cunha traxectoria consolidada baixo o seu antigo nome, Alterazión del Orden. Con tres discos publicados —Alterazión del Orden, Carrera de Ratas e o recente Zona de Exclusión—, a banda melidense trae un punk-rock cheo de enerxía. “Estamos reestruturando Alterazión, porque inicialmente empezamos sendo cinco compoñentes e agora quedamos só tres: baixo, guitarra e batería. Son cousas da vida, xa sabes, cada un ten o seu traballo e outras responsabilidades. O grupo naceu pola nosa inquietude e das nosas influencias musicais, sempre coa curiosidade de experimentar un pouco. Temos un repertorio enérxico e intenso; tocamos uns 50-55 minutos seguidos, organizados en catro bloques de cinco cancións, polo que non paramos en ningún momento. As nosas influencias sempre veñen do rock nacional, sobre todo de grupos vascos como Segismundo Toxicómano e Cicatriz”, explica Rubén, membro da banda.
Para eles, esta final é unha oportunidade para mostrar o seu potencial e seguir medrando na escena galega. “Temas como Nada son especiais para nós, reflicten a nosa esencia. É a primeira vez que nos presentabamos a un concurso e soou a flauta”, engade Rubén.

Unha noite para decidir o gañador
A final do sábado 12 de abril no antigo recinto da feira do gando de Redondela promete ser unha noite inesquecible, onde o público terá un papel clave na elección do gañador que se unirá ao cartel do Festival Millo Verde 2025. Ambas bandas, Sustanciados e Alterazión, representan o mellor da música emerxente galega, cada unha co seu estilo único pero cunha paixón común polo directo e pola conexión coa xente.
