O vídeo, que se espallou de xeito masivo na tarde de onte polas redes sociais, amosa a intervención dun axente da Policía Nacional que apunta coa pistola táser a un home en actitude sospeitosa no aparcamento do supermercado Mercadona en Cedeira.
Os feitos producíanse ao redor das 14:30 horas do mediodía deste xoves cando se recibe unha chamada nos servizos da Policía Nacional alertando da presenza dunha persoa “en actitude moi estraña” neste supermercado. Ata o lugar desprázase unha patrulla que localiza ao individuo no aparcamento do supermercado e lle pide que se identifique. O home, explican dende a Policía, lonxe de atender as indicacións dos axentes amosa unha actitude “hostil e un comportamento raro”, chegando a poñerse violento e encarándose cos axentes, aos que se aproxima en actitude ameazante.
Un dos policías procede nese intre a desenfundar a arma táser, instando ao individuo a que se tranquilice e reclamando a súa colaboración. O sospeitoso, tal e como se observa no vídeo, salta o valado do aparcamento do supermercado dándose a fuga pola estrada N-552 en sentido Redondela. Malia que varias patrullas se achegaron a zona o home non foi localizado.
A Policía Nacional informa tamén que non se cursou ningunha orde de busca deste home xa que malia a súa actitude non chegou a acometer ningún delito.
Unha resposta
Non parece que a persoa, á que a policia pretende disparar, teña unha actitude violenta, nin parece sospeitoso de nada, máis ben evita a agresion da policia fuxindo.