Os nacionalistas convocan á veciñanza a unha asemblea aberta que terá lugar hoxe luns 14 de abril ás 20:30 horas na Casa da Cultura. O obxectivo é compartir a situación que atravesa a súa relación co PSOE, logo de que a semana pasada a alcaldesa Digna Rivas cesara ao cargo de confianza do Bloque no Concello, así como o que cualifican de “acordo PP-PSOE contra o BNG”.
Os reiterados desencontros entre BNG e PSOE desembocaron a semana pasada no cese de Elsa Quintas como persoal de confianza do Bloque no concello. Un cargo que fora creado a raíz do pacto de investidura entre ambos partidos para facilitar que Digna Rivas mantivera a alcaldía. Con todo, dende a sinatura dese acordo de investidura a relación entre ambos partidos foise deteriorando ata que o BNG anunciaba que daba por rotas as negociacións co PSOE o pasado mes de xaneiro.
A situación complicaríase aínda máis logo da negativa dos nacionalistas a votar a favor da retribución do concelleiro do PSOE, Alberto Álvarez e posteriormente a anulación do seu cargo de confianza.
Unha decisión da alcaldesa que o voceiro do BNG, Xoán Carlos González entende é froito dun achegamento entre PP e PSOE, tal e como explicaba nos nosos micrófonos.
De todo isto teñen pensando falar na xuntanza que se desenvolverá hoxe ás 20:30 horas.
