Na xornada de hoxe martes, unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue desprazarase ata a praza de abastos de Arcade para que todas aquelas persoas que o desexen poidan facer as súas doazóns en horario de 16:00 a 21:00 horas. Os únicos requisitos é ser maior de 18 anos e pesar máis de 50 kilos. Recomendan tamén que se acheguen a facer as súas doazóns dúas horas despois de xantar.
Un ano máis coa proximidade das vacacións de Semana Santa desde a Axencia de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos realízase un chamamento á solidariedade e xenerosidade da poboación para que acuda a doar sangue. Unhas datas festivas nas que se realizan numerosos desprazamentos e se rexistra unha menor asistencia ou deslocalización dos doantes habituais por mor das vacacións que pode afectar as reservas sanguíneas. Para evitar esta situación e garantir o subministro de sangue, desde ADOS fan un chamamento á cidadanía, co obxectivo de reforzar as doazóns e contrarrestar o previsible descenso nos niveis de reservas, así como completar as necesidades dos diferentes grupos sanguíneos.
Hai que ter en conta que durante este período vacacional, os hospitais continúan demandando unha subministración diaria de hemoderivados para atender máis de 2.800 urxencias, 800 intervencións cirúrxicas, transplantes de órganos e máis de 1.600 atencións nos hospitais de día.
Lembrar que en Galicia precisamos entre 400 e 500 doazóns diarias para axudar a milleiros de doentes e posibilitar o desenvolvemento desta intensa labor asistencial dos hospitais galegos. Para iso, ADOS dispoñe de locais de doazón situados nas sete principais cidades e tamén de 10 unidades móbiles que percorren cada día a comunidade Galega recollendo solidariedade. A Axencia quere salientar a importancia de aumentar a participación nestes sensibles períodos que presentan dificultades engadidas para manter estable a frecuencia e o volume de doazóns.