Está previsto que os traballos comecen o día 21 e suporán un investimento de 3,3 millóns de euros que permitirán a remodelación e mellora da accesibilidade da estación cun paso inferior con ascensores, novos aseos e unha nova praza de acceso. A partir da vindeira semana estará prohibido o estacionamento no aparcadoiro en dita praza.
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) adxudicou a empresa Civis Global por 3,3 millóns de euros a remodelación da estación de Redondela, unha actuación que reforzará a súa accesibilidade e que afectará ás plataformas, ao vestíbulo e á praza de acceso á estación. En paralelo está previsto a construción dunha nova plataforma central e a escavación do paso inferior entre plataformas.
A alcaldesa, Digna Rivas, e o subdelegado do goberno, Abel Losada, visitaron a estación xunto co concelleiro de Urbanismo. Antonio Cabaleiro. Adiantaron que as primeiras obras serán as da praza exterior da estación, polo que se prohibe o estacionamento no aparcadoiro a partires do día 21. A praza mellorará a súa integración na contorna e a conexión con outros transportes: contará cunha nova zona de aparcadoiro, espazo para parada de taxi, área para parada puntual de vehículos que acoden a deixar ou recoller viaxeiros, e novos accesos peonís e viarios. Ademais, instalarase nova iluminación. Haberá prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida e un punto de carga eléctrico. Losada salientou que esta inversión “transformará este edificio e a súa contorna e pon de manifesto, unha vez máis, que os fondos europeos están chegando a todos os concellos da provincia e transformándoos, neste caso coa mellora das infraestruturas do transporte público”.
Rivas amosou a súa satisfacción por estas obras “que xa son unha realidade” e que servirán para que esta estación conte cunhas instalacións “modernas e accesibles”.
A renovación vai completar o paso inferior con novo pavimento, teitos, varandas, sinalización e iluminación, e a instalación dos dous ascensores que o comunican coas plataformas. Na plataforma principal reforzarase a marquesiña existente e despregarase unha marquesiña adicional para cubrir o ascensor e o acceso ao paso inferior con cobertura de vidro para deixar paso á luz natural. Na plataforma central tamén se montará unha nova marquesiña metálica para cubrir os accesos ao paso inferior. As actuacións nas plataformas complétanse coa instalación de nova iluminación e señalética. En canto ao edifico de viaxeiros renovaranse os cerramentos para reforzar a eficiencia enerxética do edificio e habilitarase un acceso directo desde a entrada ás plataforma. Tamén se construirán uns novos aseos con espazo para viaxeiros con discapacidade ou mobilidade reducida.
A alcaldesa, Digna Rivas, incidiu tamén na necesidade de mellorar a estrada de acceso á estación e lembrou que o Concello “leva anos demandando á Adif a reparación desta vía, que é moi utilizada tanto pola veciñanza que se achega á estación como polos traballadores e traballadoras da factoría que se atopa ao seu carón”.