A exposición deste moañés é unha das actividades en paralelo que organiza o certame Artelixo. En total 30 pezas elaboradas a base de unir con “moita paciencia, algo de habilidade e moita imaxinación” resortes, parafusos, rodamentos, cables eléctricos e outros moitos elementos de pequeno tamaño. O resultado son unha colección de robots que se poden visitar no Multiúsos da Xunqueira ata este mércores.
De xeito autodidacta, con moita paciencia e gusto por traballar diferentes materiais recuperados, tanto madeira como metal, Eduardo Núñez é quen de darlle unha nova vida a todas eses elementos “canto máis complicada sexa a peza máis tempo me leva e máis o disfruto”.
Así, con restos de aparatos domésticos que atopa na casa, que lle achegan amigos e coñecidos ou que atopa no lixo é quen de crear estes robots de metal a base de incrustar resortes, parafusos, cables… pezas recuperadas por exemplo dos contadores que foron retirados pola compañía eléctrica. En xeral, todo aquel material que podería acabar nunha chatarraría é quen de transformalo, darlle unha volta e convertelo nunha creación sorprendente, case sempre con forma humanoide.
A súa paixón por recuperar material que se daba por descartado vénlle dende cativo. Naquela altura xa buscaba caixas de madeira nas que viñan os mantecados e que recuperaba ou reconvertía. Unha afección polo madeira que mantén a día de hoxe e que lle leva a construir baúls, baldas, lámparas… Con todo, ese interese inicial non fixo máis que incrementarse co paso dos anos cando descubriu tamén o metal e as posibilidades que este material lle ofrecía.
A exposición, que leva por nome “A segunda man das cousas” pode visitarse no Multiúsos da Xunqueira ata mañá mércores día 16.


