O concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, explica que a renovación do pavimento e a mellora da drenaxe evitará a acumulación de auga nas épocas de chuvia que ten provacdo inundacións nalgunhas vivendas e garaxes. Anuncia que este ano quedará redactado o proxecto para a renovación do Camiño do Casal, dando continuidade á obra agora rematada co obxecto de solucionar tamén o problema que as augas pluviais provocan na zona.
As obras realizadas na estrada de Outeiro de Reboreda supuxeron un investimento de 165.000 euros e permitiron a renovación de toda a estrada cunha superficie aproximada de 6.715 metros cadrados. A obra financiouse a través do Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra. Unha intervención que o edil de infraestruturas Roberto Villar considera “moi necesaria” para renovar todo o pavimento e mellorar a drenaxe, cunha nova rede de recollida de pluviais “que evita a acumulación de auga nas épocas de chuvia que ten provocado inundacións nalgunhas vivendas e garaxes”. Esta estrada, cunha lonxitude de 1.147 metros, comunica varios núcleos de poboación da parroquia. As obras supoñen tamén unha mellora para a seguridade viaria tanto dos vehículos como dos peóns.
Villar adiantou que no segundo trimestre deste ano estará redactado o proxecto para a renovación do Camiño do Casal, que conflúe coa estrada de Outeiro. O edil explica que deste xeito continuarase coas melloras na recollida das augas pluviais que ocasionan problemas de asolagamentos na zona.
Desde a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade estudan tamén a posibilidade de renovar un tramo da recollida de augas que discorren cara a área recreativa da Moucheira.