Hoxe é Martes 6 de Maio de 2025

A Asociación de empresarios solicita a convocatoria da mesa de comercio para abordar as peonalizacións

peonlaización si-non

O presidente do colectivo, Enrique Lago salienta que o 83,3% dos participantes nunha enquisa realizada dende a Asociación considera que Redondela non está preparada para acometer intervencións de peonalización, sen que previamente se aborden medidas de mellora da accesibilidade á zona urbana. Entre outras actuacións reclaman a creación de novas prazas de estacionamento disuasorio, un mellor acceso ás rúas afectadas e a creación de rutas alternativas para evitar atascos. Estas medidas son vistas como imprescindibles para mitigar os efectos negativos da peonalización, particularmente na rúa Telmo Bernárdez e na súa contorna.

A Asociación de empresarios critica que o Concello non informe dos seus proxectos que afectan á actividade comercial e lamentan concretamente “a falta de consulta nos procesos de peonalización e humanización que o concello pretende levar a cabo”.

Neste sentido salientan o resultado dunha enquisa na que ten participado unha mostra significativa que representa ao 50% das actividades comerciais. Os enquisados amosaron a súa preocupación polos efectos negativos que estas actuacións urbanísticas poderían ter na actividade comercial, particularmente pola eliminación de prazas de aparcamento e pola ausencia de alternativas viables que faciliten o acceso á vila tanto para residentes como para visitantes.

Segundo a enquisa, un 93,3% dos participantes coinciden en que Redondela carece dun plan urbanístico de peonalización que responda aos criterios de urbanismo comercial e un 83,3% considera que non está preparada para acometer intervencións de peonalización, sen que previamente se aborden medidas de mellora da accesibilidade á zona urbana. Con todo, a maioría dos enquisados non se opoñen ás intervencións de humanización das rúas comerciais se previamente se realizan as medidas de mellora da accesibilidade e se crean novas áreas de estacionamento disuasorio.

No caso concreto da peonalización da rúa Telmo Bernárdez os enquisados subliñan que é necesario prever rutas alternativas para vehículos e garantir que a peonalización non xere conxestión noutras áreas. Adicionalmente, dada a súa pronunciada pendente requiriría de medidas de accesibilidade universal que, parece, non se están a considerar.

En canto á peonalización do Paseo da Xunqueira os enquisados entenden que “carece de utilidade pública tendo en conta que a rúa non conta con actividade comercial, o impacto positivo da peonalización en termos económicos é limitado. Ademais, ao estar xa pegada a un paseo, o uso peonil xa está garantido nesa área, polo que o cambio pode ser redundante”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: