Hoxe é Domingo 4 de Maio de 2025

O BNG pecha a porta a un cambio de goberno en Redondela

bng

Os desencontros continuados entre PSOE e BNG, recruados logo da negativa dos nacionalistas a aprobar a retribución económica do socialista Alberto Álvarez e a posterior decisión da alcaldesa de cesar a Elsa Quintas como cargo de confianza do BNG no concello, non parece que vaian ter maiores consecuencias para o goberno de Digna Rivas. Os nacionalistas descartan categoricamente promover un goberno alternativo ao que actualmente dirixe o concello.

Por se alguén tiña algunha dúbida ao respecto, o voceiro do bloque quixo deixalo claro no transcurso do pleno de onte ao trasladar “unha mensaxe de tranquilidade aos veciños e veciñas de Redondela: por parte do BNG non vai haber ningunha alternativa ao goberno de Digna Rivas”

Xoán Carlos González, BNG

Unhas palabras de Xoán Carlos González que facilitarán ao goberno local abordar a difícil sesión plenaria que se celebra este xoves na que se debaterá o orzamento municipal para o 2025. Un documento económico que previsiblemente non contará co apoio suficiente para saír adiante no caso de que PP e BNG voten en contra, o que obrigaría a Rivas ou ben a continuar cun orzamento prorrogado ou a tomar unha decisión máis arriscada: convocar unha moción de confianza vinculada aos orzamentos.

Unha decisión esta última que tería os seus riscos. No caso de obter a confianza do pleno quedarían aprobados automaticamente os orzamentos. En caso contrario abriríase o prazo dun mes para que se presente unha moción de censura que debería especificar un candidato a alcalde. De non prosperar esa moción de censura os orzamentos tamén quedarían aprobados e, de saír adiante a moción, habería cambio de alcaldesa.

O máis probable é que este xoves o pleno rexeite os orzamentos ante a dificultade do goberno PSOE-AER de sumar apoios, pero logo do manifestado polo voceiro do BNG mantendo a súa política de non facilitar un goberno do PP, todo apunta a unha posible moción de confianza que facilitaría a aprobación dos orzamentos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

  1. Como se chegue a unha moción de confianza, que pasaría se o PP ofrécelle a alcaldía a AER?. O PP sabe que AER está desaparecida e é difícil a súa presentación nas próximas eleccións. Bas queda como unha persoa que tende a man, e sabe que nas próximas eleccións a maioría absoluta está aí para el. Ollo que este pleno ponse interesante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: