Hoxe é Domingo 4 de Maio de 2025

Redondela aproba por unanimidade reclamar a propiedade compartida do miliario de Vilar e garantir a súa protección

miliario vilar 2

O pleno extraordinario celebrado onte a petición dos populares resolveuse atisfactoriamente para o PP que foi quen de aprobar por unanimidade a súa moción na que reclamaban avanzar no deslinde entre os concellos de Redondela e Mos para garantir que se respecten os límites reais entre ambos os dous municipios e se garanta a propiedade compartida do miliario. Con todo no debate houbo críticas para o voceiro do PP, Javier Bas, a quen o resto dos partidos acusaron de non ter resolto esta problema durante o seu mandato. Escoitáronse tamén acusacións cara a alcaldesa de Mos “por ter movido os marcos entre concellos” segundo afirmou a socialista Iria Vilaboa.

A moción aprobada por todos os grupos reclama que o goberno local de Redondela avance de forma decidida e de inmediato no proceso de deslinde entres Redondela e Mos para  corrixir o erro existente na cartografía e garantir o respecto polos límites reais do territorio. Tamén que se catalogue axeitadamente no PXOM o miliario como elemento patrimonial do noso Concello e que se inste a dirección xeral de patrimonio a garantir que calquera intervención sobre o miliario de Vilar-Santiaguiño teña en conta o seu carácter de elemento patrimonial compartido entre Redondela e Mos. O obxectivo final da moción sería, segundo explicaba Javier Bas “evitar conflictos entre concello, garantir o respeto polos límites reais dos territorios e dar resposta as reivindicacións da veciñanza de Vilar.

Javier Bas, presenta a moción do PP

Unhas propostas que foron apoiadas por todos os grupos, malia que o resto das formacións aproveitaron as súas intervencións para criticar o proceder do PP neste asunto. Así, o edil de AER, Roberto Villar insistía en dar todo o seu apoio ás peticións dos veciños de Vilar e a defensa do patrimonio para repuperar os lindes, pero “non comprendemos que se traia esta cuestión a un pleno extraordinario cando o vindeiro xoves se celebra o pleno ordinario correpondente ao mes de abril”. Tamé poñía en dúbida a validez das propostas “o PXOM é un documento técnico e por moito que se aprobe unha moción reclamando que o Plan Xeral recolla este elemento como patrimonio de ambos concellos serán os técnicos os que terán que decidir esta cuestión”.

Roberto Villar, AER

Para o BNG o pleno celebrado onte foi “unha escenificación da boa relación do PP e PSOE” e acusou ao voceiro dos populares de ser o máximo responsable de chegar a esta situación por non ter avanzado durante o seu mandato no deslinde entre Redondela e Mos. Procedemento que, tal e como lembraba o nacionalista Xoán Carlos González, “iniciou no 2018 pero non rematou”. Acusou tamén aos populares de apoveitar agora a coxuntura para abandeirar as lexítimas demandas dos veciños desta parroquia

Xoán Carlos González, BNG

Na mesma idea afondou a concelleira socialista, Iria Vilaboa, asegurando que Javier Bas renunciou a resolver o deslinde entre concellos hai sete anos. Acusou tamén a alcaldea de Mos, Nidia Arévalo de “mover os marcos” regularizando tres áreas importantes entre as que se atopaba tamén o miliario de Vilar. Engadiu que a día de hoxe o goberno local está a tentar resolver o que o “PP non fixo no 2018 para beneficiar a súa compañeira de partido”.

Iria Vilaboa, PSOE

Contestaba Bas lembrando que el iniciou o proceso en decembro de 2018 pouco antes de perder a alcaldía “estanme pedindo que fixera en tres meses o que o actual goberno non foi quen de facer nos últimos seis anos”.

Javier Bas, PP
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: