Hoxe é Luns 5 de Maio de 2025

O PP lanza un órdago ao grupo de goberno

pp

O Partido Popular amosa a súa disponibilidade a votar a favor dos orzamentos de PSOE-AER. Iso si, a cambio reclaman que a alcaldesa e o goberno local dimita e se celebre un novo pleno de investidura. Entenden que unha nova sesión de investidura serviría para saber cal é a posición do BNG e non poñería en perigo un goberno de esquerdas se realmente están unidos e, do contrario, habería un goberno do PP máis forte “con dez votos na vez dos oito cos que conta o bipartito”.

O grupo municipal do PP de Redondela vén de ofrecer o seu voto favorable aos Orzamentos Municipais 2025, que se debaterán e votarán no pleno desta noite, se a alcaldesa Digna Rivas presenta a súa dimisión antes da sesión da corporación e posteriormente se produce a renuncia de todo o goberno local para a celebración dun posterior pleno de investidura.

“Chamamos á alcaldesa á responsabilidade para aprobar as contas” subliñou o voceiro do PP Javier Bas quen engadiu que “estamos dispostos a facer o esforzo de asumir uns orzamentos diferentes dos que fariamos nós, pero a cambio tamén apelamos á responsabilidade dun executivo municipal que non funciona para que a corporación teña a oportunidade de elixir a un goberno máis forte e menos errático para rematar os dous anos de mandato”.

Bas tamén considerou que o novo pleno de investidura sería “moi útil”, posto que serviría para saber cal é a posición do BNG, “semella que fan de oposición con fortes críticas ao goberno municipal, pero na realidade, sempre o acaba apoiando, polo que un novo pleno de investidura fixaría a súa postura real e os veciños deixarían de sufrir a súa incerteza e os seus xogos de trileiros”.

Finalmente, Javier Bas deixou claro que o obxectivo último e irrenunciable do PP é que Digna Rivas deixe de ser alcaldesa “xa que é a única responsable da pésima xestión económica, da nula atención veciñal e da falta de proxectos, investimentos e equipamentos” para o cuarto concello da provincia, polo que os populares non aceptarán en ningún caso a proposta dunha cuestión de confianza, “xa que é unha ferramenta que empregan os matrimonios mal avenidos de PSOE e BNG para aprobar uns orzamentos e seguir aumentando a desconfianza entre eles”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: