Non houbo sorpresa e o goberno PSOE-AER non foi quen de sumar os apoios suficientes para sacar adiante o orzamento do 2025. Malia a defensa que a concelleira de facenda Rita Pérez fixo do documento económico presentado polo seu goberno que ascende a 22,6 millóns de euros e que insintiu “é o maior orzamento da historia de Redondela”, os dous grupos da oposición votaron en contra. Mentres o BNG criticou unhas contas que “non responden as necesidades da veciñanza e consolidan as privatizacións”, os populares afirmaban que este orzamento “só busca o autobombo de Rivas, con máis investimentos en festas e publicidade”. Ábrese agora a porta a que a alcaldesas presente unha moción de confianza vinculada con este documento, moción que previsiblemente sairía aprobada unha vez que o BNG xa pechou a porta a facilitar un goberno liderado por Javier Bas.
O debate foi un continuo rifi rafe, con recriminacións constantes entre os partidos de goberno e os da oposición. Con todo, a edil de facenda arrancou o debate centrada no aspecto económico, defendendo un proxecto que dixo “dá resposta as necesidades da cidadanía, baseado no rigor, responsabilidade, sostible, solidario e inversor”. Fixo tamén un pormenorizado repaso polas diferentes partidas recollidas no documento do que salientou que supón un incremento dun 12,30% respecto das contas actuais –prorrogadas dende o 2022- así como as partidas destinadas aos servizos públicos ou as políticas soicais por seren as que máis medran.
O edil de AER e responsable de Infraestruturas, Roberto Villar insitía en que de non aprobarse o orzamento o seu departamento “queda sen liquidez para facer todas as obras que demandan os veciños como o arranxo de camiños ou a mellora do saneamento” e insistía en que de rexeitárense os puntos vinculados coa xestión económica do concello non se poderá pagar aos proveedores nin avanzar en proxectos.
O BNG adiantaba o seu voto en contra criticando que “estes orzamentos non cumpren cos veciños e veciñas de Redondela” salientando que o remanente positivo do que presume o goberno “procede entre oturas cousas das áreas de benestar social, ensino, xuventude… áreas nas que o goberno aforra e con partidas que non se executan”. Denunciaba tamén que, pola contra, se incremente a cantidade económica que se destinan a empresas privadas.
Os populares cualificaban o documento de “vergoña, centrado no autobombo e con incrementos en festas e en publicidade institucional, mentres esquecen as necesidades da veciñanza”. Ana Alonso criticaba tamén a ausencia de medidas para fomentar o emprego, a industria ou o comercio.
Unhas críticas que non amedrentaban a Rita Pérez, que insistía que algunhas das partidas máis importantes están destinadas a políticas sociais como o contrato de Axuda no Fogar, a creación da Tarxeta Social para canalizar axudas a persoas en situación de risco, o incremento das axudas aos comedores escolares ou o servizo de transporte a alumnos de bacharelato.
A segunda parte do debate, cos partidos xa claramente posicionados en canto aos orzamentos, foi a escenificación da situación política que se vive en Redondela. Cun goberno en minoría que xa rompeu pontes co BNG. Un partido que lles permitiu acceder a alcaldía pero que a día de hoxe se amosa moi crítico cun goberno que cualifica de “irresponsable”. Con todo pechan a porta a unha posible alternativa ao goberno de Rivas liderada por Javier Bas.
O PP pechaba a súa intervención falando dun goberno “sen forza política para sacar adiante este mandato” e reclamando a dimisión de Digna Rivas “estamos dispostos a aprobar os orzamentos pero non con este goberno polo que pedimos que se dea paso a un novo pleno de investidura para que cada forza política amose con claridade con que lado está: co cambio e a veciñanza ou o inmobilismo dun goberno que se afunde”.
Concluía Rita Pérez animando a populares e nacionalistas a presentar unha moción de censura porque “nin vai dimitir Digna Rivas, nin vai dimitir o noso goberno”. Empregou a súa última intervención para dirixirse ao BNG, especialmente pola súa posición no tema do salario de Alberto Alvarez “o BNG estaba disposto a aprobar ese salario sempre e cando se blindara o cargo de confianza do bloque”.
Un debate que remataba coa votación do orzamentos que foron rexeitados cos votos en contra de PP e BNG.