O goberno local homenaxea este venres, 25 de abril ao que foi o primeiro alcalde da historia da democracia de Soutomaior dende o ano 1979 ata o ano 1995. Co gallo do 25 aniversario do seu pasamento descubrirase unha placa na rúa Coutada que pasará a chamarse Rúa Coutada- Alcalde Fernando Pereira. A continuación terá lugar unha charla no Multiúsos na que intervirán Pepe Carreiro, Ánxela Sobral, Anxo Quintana e Anxo Angueira. Achegámonos á figura dunha persoa “conciliadora, culta, íntegra e honrada” a través das palabras de Carmen Álvarez, “Carmiña de Soutomaior”.
Fernando Pereira foi alcalde durante 16 anos (do 1979 ao 1995), e durante os seus mandatos saíron adiante importantes proxectos para Soutomaior, destacando o seu espírito galeguista que o levou a ser o primeiro concello da historia en contar un Plan de Normalización Lingüística e o primeiro en levar ao seu rueiro nomes como Rúa Alexandre Bóveda, Avenida Castelao ou Rúa Rosalía de Castro.
Iniciativas froito dunha persoa de “fortes conviccións e moi traballadora” nun tempo no que todo estaba por facer, segundo nos explicaba a que foi a súa amiga e compañeira no movemento social e cultural, Carmen Álvarez.
O nomeamento dunha rúa co seu nome será un dos actos que o concello lle dedicará este venres. Actos que arrancarán o venres ás 20:30 horas co descubrimento dunha placa na rúa Coutada (rúa pola que se accedía á antiga casa do alcalde) que pasará a ser Rúa da Coutada – Alcalde Fernando Pereira.
A continuación no Multiúsos terá lugar o acto central da homenaxe, unha cita que contará coa intervención do actual alcalde, Manu Lourenzo, e coa actuación musical de ’Mini’. Despois será a quenda da palestra ‘Un pobo, un Alcalde’ que estará moderada por Pepe Carreiro en representación da familia, e contará coa participación de Ánxela Sobral quen foi concelleira con Pereira no Goberno, do ex vicepresidente da Xunta de Galicia e o que era alcalde e amigo durante os tempos de Pereira en Allariz, Anxo Quintana e onde tamén estará o director da Fundación Rosalía de Castro e tamén amigo Anxo Angueira.
En recoñecemento a súa figura, Carmiña quixo lembrar as palabras que Méndez Ferrín dixo o día do seu enterro “Fernando Pereira morreu nas máis dignas das miserias, foi unha persoa que deu tanto da súa vida a cambio de nada”.
Pola súa banda, Lourenzo salientou que con este recoñecemento búscase “facer un acto de xustiza dunha persoa que foi referencia para a veciñanza e para todo o mundo e que defendeu sempre os valores do galeguismo, progreso e democracia”.



