Este sábado 26 de abril, o pavillón de A Guarda acollerá a emocionante Final Four da Primeira Autonómica Masculina, coa SAR OPmobility como gran protagonista. O equipo redondelán enfrontarase ao Balonmán Línea 21 ás 12:30 na semifinal, co obxectivo de conquistar unha praza na fase de ascenso a Primeira Nacional. Tras unha tempada regular brillante, na que finalizou terceiro con 30 puntos tras unha vitoria contundente ante Rasoeiro BM (31-22), o conxunto da Bomboneira chega con confianza grazas ao seu xogo rápido, unha defensa sólida e unha portería destacada. Porén, a ledicia viuse empañada pola lesión de Imanol Cobián, que sufriu unha fractura de clavícula. O club deséxalle unha pronta recuperación.
Pola súa banda, o Balonmán Chapela, que asegurou a permanencia na categoría a pesar dunha derrota ante Lavadores (28-26), centrarase agora na Final Four cadete masculina a comezos de maio, sendo o único equipo do club con opcións de avanzar ao sector estatal.
ÉXITO HISTÓRICO NO SECTOR FEMININO
No ámbito feminino, o SAR Rodavigo vive unha tempada histórica. Tres dos seus equipos de base (infantil, cadete e xuvenil) clasificáronse para os sectores nacionais. O equipo xuvenil feminino disputará o seu sector na casa, mentres que o Escayolas Miguel Santos BM Cangas viaxará a Guipúzcoa entre o 2 e o 4 de maio. O equipo cadete proclamouse campión da Final Four en Meaño, superando ao Mecalia Atlético Guardés na final, e o infantil asegurou o seu pase como subcampión de liga.
A SAR OPmobility e o balonmán galego prepáranse para un fin de semana cheo de emoción e ambición.
