Un accidente a primeira hora deste venres entre un motorista e un xabaril, obrigou a intervir aos servizos de emerxencia. O choque tivo lugar na N-552 entre Redondela e Vigo á altura da Portela en Cedeira pouco antes das sete da mañá. O condutor da motocicleta, veciño de Chapela de 60 anos de idade foi trasladado en ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro con prognóstico reservado. O animal faleceu a causa do impacto.
Foi un veciño da zona o que alertou á policía local do accidente que tiña lugar na coñecida como curva de Monterraso, entre os barrios de A Portela e A Formiga ás 6:48 horas da mañá de hoxe, tras atropelar un motorista a un xabaril que cruzaba a estrada. Ata o lugar desprazáronse dúas ambulancias, traballadores de Conservación de Estradas e patrullas da Policía local e nacional. Unha das ambulancias foi a encargada de trasladar ao condutor da moto a un centro hospitalario, sen que transcendera a súa gravidade. O animal faleceu a causa do atropelo segundo explicaron fontes policiais.
A veciñanza da zona alerta da constante presenza de animais nese punto da N-552 que adoitan cruzar dende o monte na procura de alimento atravesando unha estrada que é moi transitada e poñendo en perigo aos condutores. Fan un chamamento a que se retire a maleza existente nas fincas colindantes, por entender que o abandono na zona favorece a presenza de xabarís e outras especies.