A Alameda de Talo Río en Soutomaior converterase, este sábado 26 de abril, nun escenario de fantasía, risas e reflexión coa chegada de Tanxarina, a emblemática compañía de teatro de monicreques de Redondela con máis de 40 anos de traxectoria. Á 13:00 horas, presentarán o seu novo espectáculo, A biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica, unha adaptación teatral da novela homónima de Carlos Labraña, encargada pola Editorial Galaxia para celebrar o seu 75 aniversario. Antes, ás 12:30, o propio Labraña presentará o libro na carpa da Feira do Libro, onde se repartirán e asinarán exemplares ata esgotar existencias.
Miguel Borines, membro de Tanxarina, nos desvela os segredos detrás desta montaxe chea de aventuras, cancións e humor, dirixida a público familiar e centros de ensino. “Galaxia propúxonos crear un espectáculo que reunise algúns dos personaxes máis destacados da súa literatura infantil, e para iso contaron con Carlos Labraña”, explica Borines.
A biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica transporta ao público a unha aventura vibrante onde o rato bibliotecario, gardián da Biblioteca Galáctica, descobre unha ameaza que pon en perigo os personaxes dos libros infantís dos seus andeis. Xunto a Sara, deberá enfrontarse ao malvado profesor Smith, un “malote” cómico que, cun casco cheo de luces, utiliza unha intelixencia artificial para secuestrar personaxes como Toribio, o Espantallo Amigo e o Lobo Namorado, alterando as súas historias coa falsa promesa dun “mundo feliz”. Toribio, protagonista dunha popular saga de cinco libros coñecida polos seus deseños máxicos e coloristas, permanece atrapado baixo a influencia da IA, e a misión será rescatalo. Sen desvelar detalles para non facer spoiler, Miguel Borines adianta que “o paraíso prometido convértese nun inferno cotián”.
A través desta comedia disparatada, Tanxarina defende o poder da lectura e da imaxinación como antídotos contra a uniformidade que ameaza a fantasía. “Unha canción central eloxia inicialmente a IA, pero na súa versión final dá un xiro, convidando a coller un libro que, nun santiamén, cambia a cabeza”, explica Borines.
O proceso creativo foi un novo desafío para a compañía, que traballou desde o verán pasado para dar vida a personaxes tan singulares como o Espantallo feito con técnicas de manipulación de vara, o Lobo Namorado de manipulación directa ou o Rato da biblioteca construído cun funil de café. “Baseámonos nas ilustracións dos libros, pero mesturamos diferentes técnicas para que cada monicreque teña personalidade propia”, explica Borines. A música, un elemento clave do espectáculo, foi composta por Ailén Kendelman, actriz de A Panadaría, quen xa gañou un premio María Casares pola banda sonora de A galiña azul, o anterior proxecto de Tanxarina. “Cando Tanxarina produce, o equipo é moito máis amplo, e contamos con colaboradores habituais”, destaca.
Tanxarina volve demostrar a súa mestría combinando monicreques, actuación, música e “retranca” galega. Nesta ocasión, únense ao talento de Carlos Labraña, un referente do teatro infantil galego con obras premiadas como O valo ou Ícaras, para ofrecer un espectáculo que non só fai rir, senón que tamén invita a reflexionar sobre a amizade, a solidariedade e o poder transformador dos libros.

A cita en Soutomaior promete ser unha festa para pequenos e grandes, un agasallo para recuperar o pracer da lectura e os soños que nacen dela.