Os días 6 e 21 de cada mes, coincidindo coa celebración da feira, son xornadas especialmente complicadas para atopar estacionamento no centro de vila, xa que unha parte importante das prazas de aparcamento son ocupadas polos postos dos feirantes.
Unha situación que hoxe queda parcialmente solucionada, logo de que o goberno local decidise habilitar o solar do auditorio, na zona de A Marisma, como zona de aparcamento con capacidade para 350 vehículos.
O solar, de 9.900 metros cadrados, está situado nas inmediacións dos institutos e do centro de saúde e leva varios anos valado á espera de que no terreo se iniciasen as obras de construcción do auditorio, un proxecto que está paralizado por problemas coa cesión dos terreos de dominio público marítimo terrestre por parte da Dirección Xeral de Costas.
A decisión do goberno local de abrir este espacio aos vehículos estivo precedida por unha serie de actuacións que consistiron primeiramente no desaloxo no mes de agosto das 17 familias de etnia xitana que estaban asentadas no solar. Nos últimos días procedeuse ademais por parte dos operarios de vías e obras a retirar os cascallos do lugar e explanar o terreo para facilitar a habilitación do aparcamento, con capacidade para 350 vehículos.