Estamos a vivir un dos outonos máis secos dos últimos 50 anos, e iso nótase nas reservas de auga. Á espera de que cheguen as precipitacións previstas para a próxima semana, os veciños de Redondela tentan aforrar auga na súa actividade cotiá. Moitos xa asumen estas prácticas de aforro ó longo de todo o ano, e insisten na necesidade de concienciarse de que a auga “é un ben de todos” que hai que consumir “con responsabilidade”.
Meteogalicia prevé un outono seco, e non descarta mesmo un escenario con escasas chuvias até principios de 2012. As perspectivas non son nada boas en canto aos niveis de auga embalsada. O encoro de Eiras atópase ao 45 % da súa capacidade, moi por baixo do 85% que rexistraba nestas mesmas datas do pasado ano. Con todo, as reservas son suficientes para cubrir a demanda ata o mes de xaneiro. Non se agarda polo tanto que haxa problemas no subministro, aínda que a seca si está a provocar restricións nos pequenos sistemas, en traídas privadas e comunidades de augas. É o caso dalgunhas redes de Reboreda, Vilar ou Cabeiro, onde se limita o uso de auga. Javier, veciño de Reboreda, explica que no seu domicilio só poden dispoñer de 800 litros diarios, polo que teñen que “controlar moito o gasto”. Hai outras redes onde o límite se reduce a 200 litros por día en cada fogar mentres dure a seca. Para evitar problemas de subministración de cara ó futuro, o Concello de Redondela xa suspendeu o baldeo das rúas, e tamén se restrinxe o uso de auga no rego dos xardíns. As administracións fan un chamamento ós cidadáns para que fagan tamén un uso responsable da auga, con xestos como pechar a billa mentres se lavan os dentes ou durante o afeitado, utilizar a opción de media carga nas cisternas e utilizar electrodomésticos como a lavadora e o lavalouza a plena carga. Os veciños de Redondela xa poñen en práctica estas medidas. Na casa de Silvia, é un costume “de sempre” non malgastar auga. Mari explica tamén que aforra a auga “todo o posible” nas tarefas domésticas. Gustavo entende que é unha cuestión de “concienciación”, e que o consumo da auga debe ser responsable “todo o ano”.