Logo da polémica medida de habilitar o solar de A Marisma, onde estaba previsto construír o novo Auditorio, como zona de aparcamento, a Concellería de tráfico ven de anunciar que continúan a traballar para incrementar o número de prazas existentes nos cascos urbanos da vila. En Chapela reforzarase a presenza policial.
O edil delegado de tráfico, Arturo González adiantou que xa lle trasladou ao Ministerio de Fomento unha solicitude para que ceda ao concello o uso dun solar nas inmediacións do Convento de Vilavella que permitirá dotar esta zona con novas “prazas de estacionamento disuasorio” para evitar que os coches entren no centro urbano. Do mesmo xeito estase a traballar para conseguir novas prazas no entorno da Capela de Santa Mariña. No caso concreto de Chapela, o concelleiro asegurou que se vai reforzar a presencia policial na parroquia para evitar o comportamento incívico de moitos condutores que estacionan en dobre fila e non respectan as sinalizacións. tamén nesta parroquia traballan no sentido de crear novas prazas de estacionamento. Concretamente habilitarase para este uso unha parcela nas inmediacións da oficina de correos na rúa Hospital. González comprometeuse ademais a presentar antes de que remate o ano un novo Plan de Tráfico. O edil achegou esta información no transcurso do último pleno municipal e a petición do BNG, quen demandara a comparecencia do concelleiro para informar dos pasos dados por este departamento dende a chegada do PP ao poder.