Como novidade este ano as actividades comezarán ás catro da tarde con xogos populares e obradoiros de coiro e xogos malabares, nun intento de dar cabida tamén aos máis pequenos. A carpa instalada no antigo campo de fútbol da Miñoteira acollerá os concertos que comezarán ás 21:30 horas do sábado.
Durante toda a tarde haberá actividades variadas para grandes e cativos con campionatos de chave e de peóns con premios populares para os gañadores e tamén obradoiros de coiro e de xogos malabares. Sobre as 19:00 dará comezo a 2ª edición da NovembroFest, unha adaptación da October fest alemana e na que se servirán pratos típicos galegos como xamón asado e chourizas fritas acompañados por cervexa ou viño. Xa entrada a noite, a partir das 21:30 as actividades darán paso ás actuacións musicais, contando este ano con cinco agrupación de estilos diversos para dar cabida a tódolos públicos. Repite a banda Homenaxe a Led Zeppelin, que por terceiro ano consecutivo versionará á mítica banda inglesa de rock da década dos 70 e os tamén redondeláns Valver, un grupo de métal que xa leva uns anos tocando por toda a Provincia. De fora chega Kallaikoi, grupo da zona do Val Miñor de estilo rock con influenzas celtas e a A Polémica Banda dos Bechuchos, unha formación viguesa integrada por 10 compoñentes que a ritmo ska pretenden facer bailar a todos os asistentes. Ademais de todos eles, este ano terá oportunidade de subirse ao escenario o grupo de recente creación Zanco de Polo. A entrada será de balde e para evitar as inclemencias meteorolóxicas contarase cunha carpa totalmente pechada. Repartiranse castañas asadas de balde.