Manter as vías polo centro da parroquia e asegurarse así un futuro tren de proximidade que parase en Chapela era a intención da proposta que na xornada de onte presentou a Asociación de Veciños no consello parroquial. Sen embargo, non contou co apoio do resto dos membros do organismo que, segundo explicou o presidente do Consello parroquial Miguel Angel Álvarez, apostaron maioritariamente pola eliminación da vía e a creación dun “corredor verde” entre Chapela e Vigo.
O Consello parroquial reuniuse na tarde de onte para abordar diferentes asuntos, entre eles o futuro das comunicacións por ferrocarril dende Chapela unha vez que comece a funcionar a alta velocidade e entre en servizo a nova estación de Urzaiz en Vigo. A proposta da Asociación de veciños pasaba por solicitar o mantemento das vías que discorren polo centro da parroquia para que nun futuro poida circular por esta liña o tren de proximidade. Unha proposta que non contou co apoio da maior parte dos colectivos representados neste órgano consultivo. A proposta foi rexeitada tan so por un voto, pero supón que o Consello parroquial dá o seu apoio a construcción do coñecido como “corredor verde” entre Chapela e Vigo, unha senda peonil pola vía do tren que dotará este casco urbano dunha zona verde de 30.000 metros cadrados nunha parroquia moi castigada polas infraestruturas. Con todo, o presidente do Consello, o popular Miguel Angel Álvarez, entende que hai outras opcións para garantir a comunicación por ferrocarril, que pasaría por manter o servicio de pasaxeiros ata Guixar, unha vez comece a funcionar a nova estación de Urzaiz, e que RENFE comunique as dúas estacións cun servicio de autobuses.