Un distintivo de calidade identificará o choco de Redondela para evitar que o producto foráneo sexa vendido como capturado na Enseada. Unha etiqueta que comezará a identificar o produto local no vindeiro ano, aínda que non será ata o 2013 cando o seu uso se aplique na totalidade das capturas.
O patrón maior de Redondela, Clemente Bastos, non dubida en amosar a súa satisfacción na presentación da nova etiqueta que identificará o choco capturado na Enseada. O obxectivo da iniciativa, que logo de varios anos é unha realidade gracias aos fondos aportados polo Grupo de Acción Costeira, é evitar que se venda choco foráneo como produto da Enseada e que en todo momento o choco local estea identificado. Unha medida “que beneficiará ao consumidor ao coñecer todos os datos do produto que adquire pero tamén aos mariñeiros, xa que as súas capturas terán un valor engadido con este selo de calidade”. No vindeiro ano xa aparecerán os primeiros chocos con esta etiqueta na que se inclúen datos do día e lugar da captura, aínda que os primeiros meses serán de “preparación”. Xa no 2013 a confraría espera que o distintivo estea xeneralizado. Un proxecto que supuxo un investimento de 41.800 euros por parte do Grupo de Acción Costeira, un organismo que asumiu o 80% do custe do proxecto. Agora o Patrón Maior confía en que o Concello achegue o 20% restante, isto é uns 8.000 euros.