A edil de Economía e Facenda asegura que cando o PP chegou ao goberno local no pasado mes de Maio atopouse con varias concellerías que gastaran moi por riba do 50% do orzamento planificado. En Medio Ambiente quedaba tan so o 6% do orzamento anual previsto para gastos correntes mentres que en Cultura só estaba dispoñible o 27% do total adxudicado a este departamento.
A edil de Economía e Facenda, Ana Mª Alonso Lemos asegura que cando o PP accedeu ao goberno local atopouse con varias concellerías que gastaran moi por riba do 50% do orzamento planificado para todo o ano. Unha situación que responde a dous motivos principais, ou ben porque se produciron gastos que non tiñan partida asignada ou ben porque houbo unha mala planificación de gasto por parte dos anteriores responsables políticos. Alonso Lemos apunta que a situación máis grave atopárona en Medio Ambiente, onde quedaba tan so o 6% do orzamento anual previsto para gastos correntes. O motivo de que os fondos destinados a este departamento se atoparan practicamente esgotados debeuse principalmente a que se tivo que facer fronte a diferentes gastos adebedados á empresa concesionaria da recollida do lixo, Urbaser. En Cultura a situación non era tan extrema pero a cantidade dispoñible no mes de xuño para afrontar os gastos que se puideran producir no resto do ano era do 27% do total adxudicado a este departamento para todo o 2011. A concelleira puña como exemplo a partida destinada a subvencionar festas que, a mediados de ano e cando aínda había que afrontar todas as festas do verán “xa arrastraba un déficit de 17.000 euros”.