O Consello de Ministro deu o seu visto e prace á modificación da concesión da Autoestrada do Atlántico que permitirá a ampliación da Ponte de Rande e da circunvalación de Santiago. O executivo xustifica a obra “polo notable incremento” do tráfico entre a península do Morrazo e a cidade de Vigo.
O Consello de Ministros aprobou, este venres, na última sesión da lexislatura un real decreto polo que se modifica a concesión da Autoestrada do Atlántico para “a ampliación da capacidade de diversos tramos desta infraestrutura”.
Segundo informa o Goberno, nos últimos anos houbo un “notable incremento” do tráfico entre a península do Morrazo e a Cidade Olívica por mor do aumento da poboación na dita península. Unha situación similar, segundo apuntan, á que vive o tramo da autoestrada situado entre as ligazóns de Santiago Norte e Santiago Sur, que tamén será ampliado.
Para mellorar a comunicación viaria, subliñan desde o Executivo, aprobouse a modificación da concesión da Autoestrada o que permitirá aumentar o número de carrís nos dous tramos da vía. O custo total da ampliación de carrís ascende a 350 millóns de euros, o que inclúe obras, expropiacións, reposición de servizos e servidumes.